Un incendio de 60 hectáreas en Cualedro provoca unha Situación 2 ao ameazar casas nun núcleo de Monterrei

Imaxe de arquivo [Foto: Nós Diario]

Un incendio activo desde esta tarde no concello de Cualedro, comarca de Verín, ameaza casas no núcleo limítrofe de San Cristovo, pertencente ao Concello de Monterrei, o que obrigou á Xunta a tramitar a solicitude de Situación 2.

Segundo informa a Consellería de Medio Rural a Europa Press, "a prioridade é defender as casas" desta aldea nun incendio que queima unhas 60 hectáreas, segundo as últimas estimacións.

O lume orixinouse na parroquia de San Millao, en Cualedro, pero expandiuse até alcanzar o termo municipal de Monterrei, un concello no que permanece controlado o maior incendio do ano --de 720 hectáreas--.

Nos traballos de extinción participan, entre outros, máis dunha ducia de medios aéreos, 12 brigadas, cinco axentes, catro motobombas e unha pa.