Incautan máis de tres toneladas de xurelo no porto de Camariñas

O xurelo incautado en Camariñas (Foto: Garda Civil).
Segundo informa o Instituto Armado, foron axentes do Servizo Marítimo os que fixeron o control das dúas embarcacións, que presentaban un exceso de capturas: 497 quilos a primeira e 1.508 a segunda.

A Garda Civil incautou un total de 3.250 quilos de xurelo no porto de Camariñas (comarca de Terra de Soneira), tras observar dous pesqueiros que descargaban as capturas sen notificar previamente a descarga.

Segundo informa o Instituto Armado, foron axentes do Servizo Marítimo os que fixeron o control das dúas embarcacións, que presentaban un exceso de capturas: 497 quilos a primeira e 1.508 a segunda.

Xunto a isto, os axentes atoparon abandonadas no cantil a carga doutra embarcación, que non puido ser identificada, que tiña un peso doutros 1.245 quilos.

Comiso das capturas

Así, a Garda Civil procedeu ao comiso de todas estas capturas, aínda que permitiu que se comercializase a cota correspondente.

Os presuntos responsábeis dos feitos enfróntanse a multas por infrinxir a lei galega de pesca por non notificar a descarga, por exceso de capturas e por superar 10% máximo permitido.

O xurelo incautado foi entregado ao Banco de Alimentos Rías Altas.