“Inaudito” incremento dos servizos mínimos da Xunta para a Folga de Mulleres do 8-M

Así cualifica a CIG a decisión, afirmando que “a pandemia non pode servir de escusa para coartar o dereito á folga das mulleres”.

A CIG vén de manifestar o seu rexeitamento á proposta de servizos mínimos “abusivos” presentada pola Xunta de Galiza para a Folga de Mulleres convocada para o vindeiro 8 de Marzo na que, ademais, afirma, se reforza a presenza de persoal xusto nos sectores máis feminizados.

A secretaria de Organización da central sindical, Susana Méndez, fala de “unha falta do mínimo respecto e consideración”. Máis, lembra, cando a convocatoria de folga foi rexistrada hai case un mes, en concreto o 27 de xaneiro.

Méndez cuestionou que se use a pandemia como escusa para elevar os servizos mínimos. Unha xustificación que ao seu entender resulta pouco críbel “cando en situacións similares hai centros nos que se soben os efectivos e outros non”.

Nesta liña, a secretaria das Mulleres Margarida Corral rexeitou que se pretendan decretar uns servizos mínimos “excesivos” que parecen buscar “impedir ás mulleres exercer o seu dereito a folga”.

A secretaria de Organización da CIG cuestionou tamén algunhas peculiares consideracións que figuran na proposta da administración. Nomeadamente a referida aos servizos mínimos do Centro de Atención a Emerxencias 112, onde se reforza a presenza de efectivos, segundo a Xunta, polo feito de que “o día 8 de marzo de 2021 é  segunda feira sendo este o día intersemanal no que se rexistra un maior número de requirimentos ao 112”.

O curioso disto é que no decreto de servizos mínimos relativos á folga do 8 de marzo de 2019 dicíase literalmente o mesmo especificando desa volta que se facía porque “o 8 de marzo é unha sexta feira, sendo este o día intersemanal en que se rexistran un maior número de requirimentos ao 112”.

Sen acordo tampouco na CRTVG

Tampouco houbo acordo na negociación dos servizos mínimos da CRTVG, onde tamén se ven incrementados en algo máis do 5% a respecto da folga do ano 2019. Segundo explica a sección sindical da CIG, a empresa rexeitou a proposta de que os servizos mínimos fosen cubertos por homes e non mulleres (demanda da CIG para todos os casos) aducindo a “universalidade” do dereito de folga, “nunha sorte de paternalismo machista ao desprezar o feito de ser un paro só de mulleres por vontade expresa destas para subliñar o baleiro que deixan e o importante lugar que ocupan na sociedade”.

Cómpre lembrar que o Tribunal Superior ten condnado a CRTVG por vulnerar o dereito á folga o 8M