O ingreso mínimo chega a 63.000 persoas na Galiza malia haber 250.000 en situación de pobreza severa

Case sete de cada dez titulares do IMV na Galiza son mulleres. (Foto: Nós Diario)
A prestación chegou, segundo os datos acumulados da nómina de setembro, a 25.031 fogares do país.

O ingreso mínimo vital (IMV) chegou, con datos acumulados ao remate da nómina de setembro, a 25.031 fogares galegos e 63.140 persoas beneficiarias no conxunto do país.

Son datos do Instituto Nacional da Seguridade Social, que o Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións publicará con regularidade a partir deste mes de outubro e que desagregan o conxunto de fogares, por tipo, número de titulares e beneficiarios da prestación por sexo, comunidade autónoma e provincia.

No caso da Galiza, reciben esta prestación de mínimos un total de 11.062 fogares da Coruña, 7.005 de Pontevedra, 3.535 de Ourense e 3.429 de Lugo.

Case sete de cada dez titulares desta prestación na Galiza son mulleres —17.376 do total de fogares— e beneficia, en xeral, 35.408 mulleres e 27.732, homes. Aliás, 37.933 persoas beneficiarias son adultas e 25.207, menores.

Porén, estes rexistros fican aínda lonxe da realidade, pois segundo as estimacións máis recentes da Rede Galega contra a Pobreza, con datos ao remate de 2020, na Galiza hai perto de 253.000 persoas en situación de pobreza severa.

Datos estatais

A nivel do conxunto do Estado, o ingreso mínimo vital chegou a 509.574 fogares e a un total de 1.406.850 persoas desde a súa posta en marcha en xuño de 2020.

Estas cifras acumuladas mostran que dúas de cada tres titulares da prestación son mulleres —338.982, fronte a 170.592 homes—, e en total a prestación chegou a máis mulleres —767.709— que a homes —638.881—. Aliás, un 42,4% dos beneficiarios son menores —597.179—.