Imputado un empresario mineiro e un alcalde por unha explotación mineira entre O Bierzo e a Galiza

A Fiscalía constatou, após denuncias veciñais e ecoloxistas, que se colmataran varios quilómetros de leito con residuos mineiros da louseira, segundo Ecoloxistas en Acción.

O Xulgado de Primeira Instancia e Instrución Nº 8 de Ponferrada chamou a declarar na súa condición de imputados o alcalde da localidade berciana de Oencia, Arsenio Pombo, e o empresario que está detrás da polémica canteira de lousa O Poltrón, no monte comunal de Xestoso.

Após numerosas denuncias de colectivos veciñais e ecoloxistas, "a Fiscalía viu indicios de posibles delitos contra o medio ambiente e os recursos naturais, ao constatar o equipo especializado do Seprona que os residuos mineiros colmataran varios quilómetros de leito. Isto ocorreu a pouca distancia do Lugar de Importancia Comunitaria de Ribeiras do Río Sil e afluentes, e a tan só 500 metros do Lugar de Importancia Comunitaria Os Ancares-Courel", e coa consideración de Zona de Especial Protección para o oso pardo, segundo Ecoloxistas en Acción.

"A explotación funcionou desde 2006 carecendo de proxecto de restauración, licenza de actividade e de obras, concesión de aproveitamento de auga nin autorización de verteduras", segundo este colectivo. Durante máis de 15 anos funcionou sen Autorización de Licenza Ambiental de ningún tipo, sen que desde o Concello paralizase a actividade a pesar de numerosas denuncias.

"Como consecuencia da falta de control, a explotación ocupou completamente as cabeceiras do río Xestoso e do rego Caborco de Mazales e os seus residuos alteraron a rede hidrolóxica superficial, levando á Confederación Hidrográfica do Miño-Sil a incoar varios expedientes sancionadores", indican os ambientalistas nun comunicado. A raíz das denuncias veciñais e actuación da Fiscalía," hai uns meses tamén o Servizo de Industria da Junta de Castilla y León iniciou expediente sancionador por unha infracción grave derivada da falta de mantemento e conservación da explotación".

Ecoloxistas en Acción alerta que o caso de “O Poltrón” non é unha excepción, citando outros exemplos como a louseira Nano, situada a escasa distancia da anterior e a tan só 500 metros do núcleo de Arnado, que leva máis de 12 expedientes sancionadores da Confederación Hidrográfica por vertedura de residuos e outras infraccións, acumulando residuos mineiros de forma ilegal en pleno LIC de Ribeiras do Río Sil.

"Por outra banda, as canteiras Mesa de Reis e Texeiras tamén se autorizaron sen unha avaliación sobre os seus impactos en Rede Natura 2000, a pesar de estar a poucos metros do Lugar de Importancia Comunitaria Os Ancares-Courel, afectando no primeiro caso á Devesa do Cervo, no Concello de Quiroga, e en segundo ao do Pico de Montouto, un dos puntos máis altos da Serra do Courel a 1541 metros de altitude".