Imputada unha asociación contra a violencia machista por denunciar as deficiencias dun punto de encontro

Acción de Ve-la Luz [Imaxe cedida pola asociación]

A presidenta de Ve-la Luz, Gloria Vázquez, prestou declaración perante a Audiencia provincial da Coruña por un delito de "revelación de segredos" no marco dunha "caza de bruxas" que pretende silenciar a loita contra esta forma de terrorismo na Galiza matou 47 mulleres en dez anos


A asociación contra a violencia machista Ve-la Luz declarou esta terza feira perante a Audiencia provincial da Coruña. A súa presidenta, Gloria Vázquez, prestou testemuño en nome do colectivo, imputada por un delito de "revelación de segredos" ao se faceren eco dun video tomado de maneira clandestina nun punto de encontro familiar que funcionaba na Coruña. 

"Din que existe unha vulneración da intimidade porque é a terapia dun menor, mais non valoran que o que está recollido nese video é o maltrato psicolóxico a ese neno", recalcou Vázquez en declaracións a Sermos Galiza unha vez rematada a declaración no marco deste proceso aberto contra Ve-la Luz que ela atribúe a "unha caza de bruxas" emprendida por Miguel Filgueira, xuíz de violencia machista da cidade herculina. 

Na gravación que o colectivo difundiu, unha traballadora do punto de encontro (que xa foi pechado e cuxas anomalías recoñeceron tanto o Valedor do Pobo como a propia Xunta de Galiza) unha psicóloga media entre un pai e o seu fillo de seis anos. No documento sonoro, a traballadora amósalle á crianza unhas diapositivas e explícalle que "se mamá tira por un lado e papá polo outro o neno acaba partido en dous" ou que "a man usarémola cada vez menos". O pai do menor está condenado por violencia machista en virtude de sentenza definitiva, que non firme, pois presentou un recurso que fica pendente aínda de se resolver.

"Non están mortas; foron asasinadas"

"Intentaron demostrar que nós colocaramos as lendas que aparecen no vídeo. Porén, fíxenlle varias correccións referidas a esas lendas, como que as mulleres non están mortas, senón que foron asasinadas". Gloria Vázquez e a asociación que preside veñen denunciando o mal funcionamento dos puntos de encontro familiar desde 2011. 

Nestes centros, xestionados de maneira privada por colectivos vinculados á Igrexa católica, as crianzas "son obrigados" a manter contacto co seu proxenitor "aínda que estea imputado ou penado". A obriga de acudiren aos puntos de encontro está amparada na denominada síndrome de alienación parental --que as nais poñen as crianzas en contra do proxenitor--, e que foi cualificicada pola Audiencia de Bizkaia como "máis unha forma de violencia machista" e "un instrumento pseudocientífico sustentado en ideas sexistas". 

Pediran a substitución do xuíz de violencia machista

En relación ao anterior, Ve-la luz pedíu tamén a substitución do xuíz Filgueira. Nunha entrevista publicada na revista do Colexio de avogados da Coruña, Fonte limpa, Miguel Filgueira sostén que "nos casos en que a agresión na parella sexa mutua --isto é, se ela se defende-- o caso se xulgue como un delito común, debido á inexistencia dunha situación de dominio". 

Após prestaren declaración en relación a ese delito de "revelación de segredos", Gloria Vázquez vaticinou que "seguiremos imputadas" e alerta de que no expediente da denuncia aparece recollida "moita información privada relativa á miña persoa", feito que considera "unha clara vulneración da miña intimidade". 

47 lápidas diante da Audiencia provincial da Coruña

A asociación Ve-la Luz ficou arroupada por ducias de persoas e organizacións políticas que secundaron unha concentración convocada baixo o lema 'Que non nos/te/a silencien', ao entender a imputación como unha tentativa de calar as denuncias pola deficiente atención que as institucións están a prestar ás mulleres en situación de violencia machista.

O BNG cualificou esta imputación de "indigna", en palabras de Goretti Sanmartín, secretaria de Implantanción e estratexia municipal da formación frontista, quen fixo parte do protesto acompañada do responsábel comarcal da Coruña, Paulo Carballada; a responsábel comarcal de Acción feminista, Vitoria Louro; e a responsábel local de Galiza Nova, Alba Sánchez.

Aproveitando a concentración, a asociación repetiu a acción realizada hai unhas semanas e transladou para diante da Audiencia provincial da Coruña unha manchea de lápidas, 47 en total, unha por cada muller asasinada na Galiza nos últimos dez anos polo feito de seren mulleres. Aliñas, Gloria Vázquez revolveuse tamén os recortes practicados na prevención e na atención deste problema político, nomeadamente no salario da liberdade