En marcha unha Iniciativa Popular para lograr un sistema público galego de atención ás persoas

Concentración en Compostela (Foto: CIG)

Concentracións nas principais cidades galegas principiaron esta campaña impulsada pola CIG.

A CIG lanzou esta mañá -con concentracións nas sete cidades galegas na mañá desta terza feira deron inicio á campaña do sindicato CIG na que se enmarca a Iniciativa Popular en demanda dun Sistema Público Galego de Atención ás Persoas. Así o anunciou, na concentración en Compostela o secretario xeral Paulo Carril, quen considerou que “a crise sanitaria derivada da pandemia da Covid-19 puxo máis de manifesto que nunca a necesidade de pór os coidados na prioridade das políticas públicas”.

Carril explicou que a proposta dun Sistema Público Galego de Atención ás Persoas será levada ao Parlamento a través dunha Proposición non de Lei de Iniciativa que poderá ser asumida por calquera grupo parlamentar para levala a pleno ou comisión.

Incidiu Carril en que a central sindical leva anos denunciando a situación laboral e asistencial das Residencias da Terceira Idade, dos Centros de Día, dos Centros de Atención á Diversidade ou dos Servizos de Axuda no Fogar, entre outros. Servizos que, denunciou, “o goberno do PP na Xunta vén desmantelando e privatizando para facer deles un novo negocio a costa das persoas máis vulnerábeis”.

Neste sentido asegurou que a crise sanitaria evidenciou a “ineficacia da prestación dos servizos de atención social e de coidados por parte de empresas privadas”, mais tamén as carencias de persoal e material, a falla de protocolos homoxéneos de funcionamento ou os niveis de precariedade existentes.

Carril considerou que os servizos públicos “son a única garantía para unha atención digna ás persoas de idade, e ás persoas dependentes ou con diversidade funcional” e demandou a súa asunción directa por parte da Administración Pública Galega.

A CIG lembrou que defende a xestión directa polas Administracións Públicas de todos os servizos públicos. Na súa proposta dun Sistema Público Galego de Servizos de Atención ás Persoas, integrado por unha única rede pública, contempla a prestación dos seguintes servizos: Centros asistenciais e residenciais da terceira idade, Centros de día,  Centros de atención á diversidade, Servizos de Axuda no Fogar e outros recursos (Casas Niño, Casas do Maior, Xantar na Casa, Transporte Adaptado...).