A improvisación de Medicina enfada o estudantado a 12 días de iniciar o curso

Facultade de Medicina da USC, en Santiago de Compostela.
A previsión é que a docencia en Medicina comece de maneira telemática. O estudantado reprocha á Universidade o cambio de criterio a 12 días de que o curso principie e, ante as dificultades para manter distancias nas aulas, exixen á Universidade que se poñan en marcha grupos máis reducidos por clase para garantir a presencialidade. 

O enfado entre o estudantado de Medicina da Universidade de Santiago de Compostela (USC) é maiúsculo após comunicárselle, a 12 días do inicio do curso, que a previsión é que as aulas comecen de maneira telemática.
Alumnas desa facultade denuncian en conversas con Nós Diario a falta de previsión da USC pois, segundo a información que recibiron, as aulas principiarán 100% telemáticas, tanto as expositivas como os seminarios, e unicamente as prácticas de laboratorio de primeiro e segundo curso serán presenciais. "A práctica clínica que se ten a partir de terceiro vaise levar a cabo en función dos protocolos publicados polos hospitais do Sergas, co que o alumnado aínda non sabe que acontecerá", quéixanse. 

Estas estudantes sinalan que a facultade "obviou" os tres escenarios que previamente se barallaran e que foran comunicados ao alumnado. O primeiro contemplaba a docencia 100% presencial, o segundo a semipresencialidade e o terceiro, en caso dun novo confinamento, apostaba polo telemático. "Este curso ímolo comezar teoricamente no escenario 2, o da semipresencialidade, mais vemos como na práctica trátase do 3, cun ensino 100% a distancia", lamentan.

Para estas estudantes, as causas débense a unha falla de anticipación da Universidade por non resolver eivas importantes no verán, xa que a vía telemática débese, segundo se lles comunicou, á falla da capacidade das aulas, para que nelas se poidan respectar os 1,5 metros de distancia entre persoas. "É certo que somos grupos moi grandes, 360 estudantes por curso repartidos en tres ou catro aulas por nivel, mais en calquera caso non son clases de menos de 40 persoas", sinalan, criticando a Universidade por non organizar grupos reducidos e baixar a ratio de alumnado por profesorado.


As consecuencias da falla de anticipación afectarán tanto a aprendizaxe como á economía de cadaquén, aseguran as alumnas. "Primeiro, porque ao cambiar o criterio de presencialidade por telemático a tan só 12 días de iniciar o curso fai que moita xente se vexa cun piso alugado que non vai precisar, coa fianza e mesmo cos primeiros meses xa aboados, ao igual que no caso de quen optou por residencias", explican. "Estamos falando de miles de euros tirados por non se notificaren  as cousas con algo de tempo". 

Aliás, son conscientes das dificultades que entraña a docencia a distancia nun país como a Galiza, onde extensas zonas do territorio sofren a fenda dixital, así como do custo económico que supón ter equipos tecnolóxicos para unha boa aprendizaxe".