Mai Ínsua, tuppersexeira: "É imprescindíbel que da sexualidade das mulleres falemos as mulleres"

Tocar, zugar, cheirar, experimentar e, ao mesmo tempo, ir descubrindo o noso propio corpo e partillando as nosas experiencias ao redor da saúde emotiva, afectiva e sexual a través dunha gama de xoguetes tan variados como somos nós propias. Pode ser este un resumo do que fai a nosa entrevistada, Mai Ínsua. Con todo, o mellor é que nolo conte ela!

 

Que é e que fai unha 'tuppersexeira'? 
Pois é, basicamente, unha especialista en xoguetería erótica. Facemos as reunións alí onde están os grupos, desde os domicilios até os bares pasando por unha perrucaría —alí foi o meu primeiro— ou centros sociais. Mais tamén  somos nós as que organizamos os tupper e eu tamén fago obradoiros de sexualidade. As reunións duran por volta de tres horas e por elas cobro unha entrada nunca superior aos 5€ para cubrir gastos e que as participantes non teñan obriga de compra. Porén, sempre me adapto ao grupo de mulleres; ás veces traballo de balde. 

Axuda o tupper a rachar tabúes e normalizar a sexualidade? 
É unha moi boa ferramenta, porque permite ir turrando do fío e falar do noso corpo, das cuestións de xénero, resolver dúbidas, mitos e, ao mesmo tempo, favorece a creación dun ambiente divertido. Nós, cando falamos, facémonos conscientes das nosas experiencias. Actuamos como espellos para as outras. Con todo, o mellor dos tupper é que namentres falamos imos creando sensacións. Ao ter os xoguetes na man expresámonos de maneira diferente e a palabra e o corpo xuntos son moi potentes. 

Custa moito turrar dese fío e ir arrincando experiencias persoais? Coñecemos as mulleres os nosos corpo?
Neste tempo atopei con mulleres que teñen a saúde e o pracer como algo central das súas vidas, mais tamén mulleres con moito descoñecemento, que habitan o seu corpo cunha sensación similar á de estranxeiras permanentes. En xeral, a maioría temos misturas das dúas cousas porque todas partimos do mesmo lugar, aquel que ocupa a nivel cultural a nosa sexualidade, as mensaxes que recibimos, como se emprega o sexo contra nós, a má información. O corpo garda memoria de todo isto, mais tamén das cousas boas así que si que podemos coñecernos moito máis, achegarnos a nós propias con máis cariño. Ao redor da xoguetería erótica hai moitos dimes e diretes; porén, no tupper hai sempre sorpresas. 

"O tupper permite ir turrando do fío e falar do noso corpo, das cuestións de xénero, resolver dúbidas, mitos"

E vostede? Cal era a relación que tiña coa educación afectivo-sexual e como lle deu por se facer especialista en xoguetería?
[risas] Pois antes de me dedicar a isto non me relacionaba moito coa xoguetería erótica! Con todo, si que estaba mergullada en todo o que rodea o corpo, a erótica, sempre a través da psicoloxía e do traballo con grupos de mulleres. Foi a través disto e da filosofía de Los placeres de Lola para traballar a sexualidade —Mai Ínsua é tuppersexeira na Galiza desta tenda erótica fincada en Madrid mais que traballa en todo o Estado— como entrei en contacto coa xoguetería e descubrín todas as súas potencialidades.

Daquela estudou moito...
[risas] Bon, teñen o seu aquel, é certo! Desde como están feitos até o que estimulan ou como podes xogar con eles. Mais, ao final, son unha escusa para facer outras cousas. Considérome en constante formación persoal e profesional e teño a sorte de que neste traballo as dúas vertentes se enriquecen porque os xoguetes son moito máis que a súa ficha técnica e nós somos tamén moito máis que unha teoría sexolóxica. Se tivera que describir como o vivo, todo pasa por ver as mulleres coas que traballo, con poder ofrecer experiencias que nos sirvan e tratar con respecto todo o que acontece nas reunións e que deciden partillar contigo. 

"Se nós contamos as nosas historias, para alén de sermos protagonistas das nosas vidas, partillamos experiencias úteis para as outras, diversidade"

Por que son tan caros os xoguetes?
Os prezos son moi variados. Por 15 euros xa tes vibradores, estimuladores, amarres ou copas menstruais. Por 30 hai algúns fabricados artesanalmente. Con todo, pagamos os mesmos extras que no resto das cousas: calidade, desenvolvemento, garantía. Cómpre destacar que a entrada das mulleres neste eido supuxo avances moi grandes a respeito do noso pracer e da nosa saúde. O avance meirande? O da silicona, un dos mellores materiais e que permitiu desbotar o plástico ao que nos tiñan habituadas mais que triplica o custo de produción. Por iso intentamos ofrecer unha gama ampla, para evitar que se converta nun artigo de luxo.

As experiencias sexuais das mulleres no cinema e na literatura están sempre contadas desde a óptica dos homes. Sería bo que da nosa sexualidade falaramos nós?
Sería importantítisimo e sería imprescindíbel! Esa ollada non se axusta á nosa realidade. Algo moi marcado que sucede nos tupper é que as mulleres que participan narran moitas cousas comúns. Iso non é casualidade. Se nós contamos as nosas historias, para alén de sentírmonos protagonistas das nosas vidas, partillamos experiencias úteis para as outras, diversidade. As visións diferentes e o imaxinario amplo o que xeran é, sen dúbida, moita liberdade.