Imposto súper-reducido para absorber a “pobreza menstrual”

A deputada do Grupo Mixto Paula Verao durante unha intervención (Imaxe: Grupo Mixto)
O Pleno do Parlamento solicitará ao Congreso blindar un IVE súper-reducido para os produtos hixiénicos femininos e para os preservativos, tanto masculinos como femininos. A iniciativa foi defendida pola deputada do Grupo Mixto, Paula Verao, que salientou que o custo destes protudos é especialmente elevado "para mozas sen emprego ou en risco de exclusión".

O Parlamento da Galiza vén de aprobar, cos votos a favor de todas as forzas da Cámara, unha proposta non de lei para abaratar os custos dos produtos hixiénicos femininos. A iniciativa, impulsada polo Grupo Mixto, consiste en solicitar ao Congreso a modificación da Lei 37/1992 do Imposto sobre o Valor Engadido, para blindar unha taxa súper-reducida, do 4%, para estes produtos en troques do actual 10%.

“Os produtos relacionados coa menstruación, usámolos as mulleres uns 35-40 anos de media. Ditos produtos poden chegar a ter uns custes moi elevados ao mes. Só falando dos usados para a menstruación poden supor 20 euros mensuais, o que para mozas sen emprego ou persoas en risco de exclusión social é un custe moi elevado” afirmou Paula Verao. A fenda dos custos que deben asumir as mulleres en produtos sanitarios respecto aos homes non remata coa menstruación, salientou a deputada, “ras a menarquía empréganse produtos ligados ás perdas de ouriños”, lembrou.

A medida de redución do IVE dos produtos de hixiene feminina ten un impacto económico pequeno a nivel global, pero un retorno moi positivo para as mulleres con ingresos medios e baixos, afirma o grupo político. "Nun contexto onde a fenda salarial non está superada, no que as mulleres, de media, teñen ingresos inferiores aos homes durante toda a vida laboral (máis de 4.500 € de media anual de diferencia), e máis nas pensións, as mulleres soportan maior carga económica en relación a produtos de hixiene íntima”.

O Grupo Mixto fixo alusión a como na Galiza comeza a falarse tamén de “pobreza menstrual”. “Asociacións solidarias advirten da solicitude de compresas e tapóns por parte de familias con poucos recursos, son dos produtos máis demandados”, salientan. A solicitude inclúe que se estenda o imposto reducido a tampóns, compresas, alternativas ecolóxicas como as copas menstruais mais tamén os preservativos masculinos e femininos, de xeito específico.