O impacto internacional do 'modelo Pontevedra' chega ás páxinas de The Guardian

O referente da imprensa británica de calidade, estandarte tamén global através da súa edición on line, enviou un xornalista a visitar Pontevedra durante uns días para escribir unha reportaxe sobre a súa transformación urbana. "Para min, isto é o paraíso", titulou Stephen Burgen a súa crónica sobre a cidade que "proibiu" os coches.

Burgen viu a cidade, enchoupouse dela, conectou co seu ritmo humano —apenas ruído nas rúas, baleiras de automóveis— e tamén falou cos artífices políticos da transformación, o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores e o concelleiro César Mosquera, a quen The Guardian apresenta como o responsábel das infraestruturas da Boa Vila.

 

"Antes de eu ser alcalde, 14.000 carros pasaban por esta rúa cada día", díxolle Lores a Burgen, debruzados sobre as xanelas do seu despacho. "Circulaban máis carros nun día do que persoas vivían na cidade", relatoulle o rexedor ao xornalista de The Guardian.

 

O xornal británico captou con sinxeleza o 'modelo Pontevedra' e é que realmente se trata dun deseño tan simples como efectivo: a cidade ten de ser das persoas, non dos vehículos. "Como pode ser que as persoas idosas ou as crianzas non podan andar comodamente polas rúas por culpa dos coches?". Na pergunta lanzada por César Mosquera ao xornalista inglés habita o espírito da transformación emprendida pola equipa liderada por Lores hai xa 19 anos. "Como pode ser que a propiedade privada —os coches— ocupen o espazo público?", remachou o concelleiro a súa argumentación.

 

O xornal británico captou con sinxeleza o 'modelo Pontevedra' e é que realmente se trata dun deseño tan simples como efectivo: a cidade ten de ser das persoas, non dos vehículos

 

A peonalización do centro da cidade, a redución ao mínimo da presenza de carros no entramado urbano,  unha política desenvolvida ao longo destas dúas décadas, non só humanizou Pontevedra, senón que salvou vidas, resalta o traballo de The Guardian. "Os beneficios son numerosos. Nas mesmas rúas en que 30 persoas morreron en accidentes de tránsito desde 1996 a 2006, só tres faleceron nos seguintes 10 anos e ningunha desde 2009", subliñou Burgen, quen remarcou aínda outro dado de importancia non menor: a mingua en 70 por cento das emisións de C02.

 

The Guardian non pasa por alto a filiación política de Miguel Anxo Fernández, "membro do esquerdista Bloque Nacionalista Galego", de quen di que é "unha rareza na solidamente conservadora rexión do noroeste". Burgen tampouco perde a oportunidade de consignar que Pontevedra é a cidade de Mariano Raxoi —na reportaxe dise equivocamente que o ex presidente naceu á beira do Lérez, cando en realidade o fixo en Compostela. Lores, por súa parte, tampouco perdeu a oportunidade de lle dicer ao xornalista de The Guardian que Raxoi nunca mostrou o menor interese nun deseño urbano que ten feito gañar a cidade un feixe de premios internacionais.