Unha ILP para protexer o monte veciñal

REpresentantes da Orgaccmm presentando a ILP ante o Parlamento (Foto:Arxina)
A iniciativa defende unha lei de montes que "blinde" o carácter comunal destes bens fronte á "ofensiva privatizadora" do PP.

A Organización galega de comunidades de montes (Orgaccmm) presentou no Parlamento unha Iniciativa lexislativa popular (ILP) coa que procurar apoios para unha lei de montes veciñais que "reforce"  o carácter comunal destes bens  e "contrarreste" as políticas do PP, ás que a entidade acusa de querer "privatizar os montes para entregarllos ás empresas forestais e madeireiras".

O vindeiro día 18 haberá reunión do Consello Forestal, unha xuntanza na que a Consellaría de Medio Rural introduciu na orde do día o punto "Inicio da revisión normativa que regula os montes veciñais". Para Xosé Alfredo Pereira, presidente da Orgaccmm, é un "chanzo máis" na política do PP de "acabar" cos montes comunais. Os comuneiros sinalan que o que se procura é "dotar as comunidades de montes de personalidade xurídica e eliminar o seu carácter comunal e intrasferíbel".

25% do territorio galego (700.000 hectáreas) son monte veciñal en man común, xestionado por 2.800 comunidades de montes. Un ben presente en 248 concellos galegos.

Obxectivos ILP

Fronte a isto se impulsa a Iniciativa lexislativa popular, con catro demandas principais.

O primeiro, explican os impulsores, é o "reforzamento do carácter xermánico (comunal) dos montes veciñais". Hai que lembrar que estes montes son unha forma de copropiedade xermánica, cunha regulación específica, que prevé que son bens indivisíbeis, inalienábeis, imprescriptíbeis e inembargábeis, dada a súa especial natureza colectiva.

Da man desta defensa do carácter comunal destes bens vén outro dos obxectivos da ILP: o recoñecemento da titularidade veciñal como "unha máis e distinta das titularidades públicas e privadas". A demanda dunha fiscalidade "axeitada á figura e ás funcións" dos montes veciñais e a "mellora do funcionamento asembleario e democráticos" das comunidades son as outras finalidades. Para poñer o ramo á iniciativa, a Orgaccmm incide en que a finalidade última é "acadar un monte veciñal multifuncional e sustentábel".

De aí unha ILP que, reiteran, foi elaborada en asembleas de comunidades de montes  e que "xurde das propias comunidades e reflicte o seu sentir".

Importancia

25% do territorio galego (700.000 hectáreas) son monte veciñal en man común, xestionado por 2.800 comunidades de montes. Un ben presente en 248 concellos galegos.