O illamento permite ás Baleares superar antes a crise sanitaria

Táboa de evolución de doentes nas Illas Baleares (Foto: Govern Balear).

A falta de conexión con outros territorios do Estado facilita que na actualidade o número de doentes aos que se detectou a COVID-19 e se curaron supere desde a pasada quinta feira o dos que aínda están enfermos.

O Goberno español, ao contrario do que sucede noutros países do mundo afectadas pola pandemia da COVID-19, como China ou Italia, está desenvolvendo un modelo de actuación centralista na que practica a mesma política en todos os territorios que o integran, con independencia das súas particularidades e negándose a pechar zonas especialmente afectadas como Madrid ou Catalunya, a pesar da petición expresa do president da Generalitat, Quim Torra.

Non obstante, a situación de illamento que a insularidade concede a algúns territorios como as illas Canarias e Baleares está desvelando, co paso do tempo, os seus beneficios en forma de evolución positiva da enfermidade.

Tal e como revela Ara Balears, nas illas o número de doentes número de doentes aos que se detectou a COVID-19 e se curaron supere desde a pasada quinta feira o dos que aínda están enfermos, en gran parte grazas á falta de conexión con outros territorios do Estado español.

Así, durante a xornada de onte o rexistro indicaba 757 persoas curadas e 648 doentes activos, unha cifra moi inferior aos 931 rexistrados no pico do contaxio, que alí tivo lugar o pasado 31 de marzo. Ademais, a detección de novos casos caeu en 8% durante as dúas últimas semanas.

A directora xeral de Saúde Pública do Goberno balear, Maria  Antònia Font, confirma que o illamento foi a chave para a positiva evolución da situación nas Baleares, e considera que a superior mobilidade entre as provincias da Península “non contribúe a reducir os contaxios”.

Importante foi, asemade, a presión do Govern Balear para que o executivo español aprobase –o 19 de marzo- o decreto que limitaría o acceso ás illas só a residentes retornados e embarcacións con mercadorías. Grazas a esta medida, no arquipélago só se rexistraron 12 casos importados de coronavirus e hoxe é a segunda comunidade autónoma con menos mortes (102) e menos casos confirmados de coronavirus (1-507) só por detrás de Murcia.