Illa de Tambo, un 'fortín' militar inzado de visóns

Exemplar de visón na Illa de Tambo [Imaxe Antonio Costa]

Só se pode acceder a ela días contados no ano e previa autorización militar. É praia privada da Escola naval de Marín. A fauna autóctona está practicamente desaparecida por mor dunha praga de visóns americanos e o seu patrimonio material, denuncian, está "arruinado". 


A Illa de Tambo foi propiedade do Mosteiro de Poio até as desamortizacións de Mendizábal nas que pasou de maneira "indivisíbel" a mans do pobo de Combarro. Unha "longa historia de cacicadas", explica o fotógrafo e veciño de Marín Antonio Costa, en conversa con Sermos Galiza, levaríana a ser propiedade do político Montero Ríos, xunto con Francisco Arosa, alcalde de Poio e o notario pontevedrés, Valentín García Escudero. Posteriormente sería cedida por estes tres ao Ministerio de Defensa para a construción dunha prisión que nunca chegou a edificarse e, de novo a Montero Ríos quen a cedería finalmente á Armada, entidade que a controla "en réxime de usufructo" na actualidade. 

Tambo pasou de mans de Montero Ríos á Armada que a xestiona a día de hoxe através da Escola naval de Marín

A xestión correspóndelle á Escola naval de Marín e apenas pode ser visitada, previa autorización, "un par de días ao ano", sinala Costa. Desde hai tres anos a Asociación Veciñal de Combarro organiza unha xornada de visita, Tambo, un mar de historias, con recitais poéticos e concertos, para "pór en valor" o patrimonio localizado na illa. Porén, ás dificultades que impón o exército para conceder a autorización a veciñanza advirte dos prexuízos causados por unha praga de visóns americanos que destruíron a fauna autóctona de Tambo. 

Visóns 

"Está inzada deles", di Antonio Costa após comprobar, asegura, que non fican apenas exemplares das especies que habitaban a illa. "Hai dous anos víramos exemplares mais desta volta foi escandaloso", sinala. "A fauna autóctona desapareceu, non hai nada, nen largatos". 

A praga de visóns rematou coa fauna autóctona da illa, inzada tamén de eucaliptos

O visón americano chegou a Tambo da mesma maneira que a Cíes e a Ons, após as soltas levadas a cabo por grupos animalistas en granxas do Morrazo. Algúns exemplares conseguiron cruzar a nado até arribaren ás illas e, mentres en Cíes e Ons foron combatidos con pexas para evitar que se reproducisen, na Illa de Tambo ninguén fixo nada. O visón, para alén de ser unha epecie foránea, é carnívoro e moi agresivo polo que constitúe un perigo para a fauna autóctona. 

Desde a Asociación Veciñal sinalan que están a preparar un escrito que remitirán ao Ministerio de Defensa "para ver que medidas pensan tomar" non só a respeito do visón senón tamén do estado no que se atopa a propia illa. 

Patrimonio material

En Tambo atópanse as ruinas do único lazareto --hospital onde se atendían enfermidades infecciosas como a lepra ou a tuberculose-- que non foi modificado na súa arquitectura orixinal de finais do século XIX. Aliás, hai dúas capelas e algúns restos de edificios empregados tradicionalmente pola veciñanza de Combarro e cultivaba a terra en Tambo mais que ficaron en desuso co traspaso da illa ao exército. Todo este patrimonio, sinala Antonio Costa, está "arruinado". Como tamén a propia terra, inzada de eucaliptos, "todo a monte", afirma Costa. 

A Escola naval quixo prohibir a visita da asociación por ter portado noutras edicións a bandeira galega coa estrela vermella

Na edición da romaría deste ano a Asociación Veciñal propúxose convocar unha carreira popular como novidade, para iso era preciso rozar a pista perimetral de Tambo, unha tarefa que malia a vontade de realizar popularmente lles foi prohibida, como tamén portar "símbolos" após detectar as autoridades militares que en anteriores edicións "algunhas persoas levaron a bandeira galega coa estrela", unha razón que esgrimiu a Escola naval para tentar prohibir a organización da visita. 

Para que se usa Tambo? preguntamos. "Era a praia privada da escola", asegura, e todo apunta a que voltará a o ser. "Este ano volvimos ver persoas da escola naval na praia". Tambo converteuse nun fortín de verán para militares sitiado por visóns e o desleixo da administración co seu patrimonio.