Unha illa de tres décadas en Valdeorras

Imaxe dos desperfectos da estrada que dá acceso a San Vicente, hoxe fechada.
A veciñanza da parroquia valdeorresa de San Vicente de Leira, no concello de Vilamartín, vive desde hai 28 anos con graves problemas de accesibilidade derivados do deterioro das vías de acceso, primeiro pola acción da actividade da lousa e, hoxe, da falta de acondicionamento das infraestruturas.

Caducan as causas, mais as consecuencias persisten. Unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza confirmaba o pasado 26 de xuño o final da concesión de explotación mineira a unha empresa dedicada á lousa no concello de Vilamartín de Valdeorras, inactiva xa desde 2015. Fechábase así un período de 23 anos de actividade extractiva, cos que tamén comezaban os problemas de incomunicación para a poboación da parroquia de San Vicente de Leira.  

A acción da canteira foi a causa do deterioro do principal acceso ao núcleo, unha vía de titularidade da Deputación de Ourense que se fechou o tránsito por risco de derrubas hai dúas décadas, e que en 2018 foi clausurada formalmente coa colocación dun gardarraíl após repetidos desprendementos. Pasados case 28 anos, San Vicente só é accesíbel por estrada a través dunha vía asfaltada, mais sen sinalización e ateigada de fochancas.  

O último pleno municipal de Vilamartín, que tivo lugar o día 30, acordou requirir ao Goberno o arranxo da estrada principal, cuxa solución está proxectada en 13 millóns de euros para 1,2 quilómetros, e tamén da alternativa que, segundo a veciñanza, non cumpre os mínimos de seguridade.

"A xente que vive alí ten que armarse de valor e ir pola parte de abaixo, eu non me atrevo. Non podo ir á miña casa nin levar a miña mai", lamenta Elisa Sánchez, presidenta da asociación veciñal San Vicente de Leira, fundada hai catro anos para, entre outras razóns, reivindicar os accesos ao núcleo, no que residen aínda unha trintena de persoas.

No seu caso, coa vida asentada no Barco, a 13 quilómetros de San Vicente, os vínculos son familiares e emocionais. "Sempre tiven claro que quería estar onde as miñas raíces, e as miñas raíces son San Vicente. Temos necesidade de ir e non podemos", láiase, emocionada, ao lembrar que máis de media vida a pasou coa aldea da súa nai illada por falta de accesos.

"Pérdense as casas, encadéanse os problemas. O camiño do centro íano arranxar, pero a maquinaria non pode entrar. Unha cousa leva á outra e cando te decatas non queda nada. Estannos prohibindo desfrutar do bo e xuntarnos para o malo. Nin  para festas nin para funerais podemos ir", reflexiona, impotente despois de numerosas mobilizacións da veciñanza, a última, a principios deste mesmo ano en Ourense, diante da Deputación.

 "Xa non sabemos por onde tirar, temos as mans atadas e esa é a rabia que teño, de ver que pasan os anos e non se fai nada", lamenta a portavoz, ante os atrancos "administrativos" que alongan os traballos de reparación e empeoran a situación da parroquia. 

Nas mobilizacións estivo tamén o Goberno municipal de Vilamartín, cuxo alcalde chegou a se encerrar no Concello en 2018 para protestar contra o illamento de San Vicente. Na última acción cívica en Ourense volveuse reclamar á Deputación a reparación das comunicacións e a habilitación dun desvío provisional alternativo á estrada municipal que hoxe constitúe a única vía de entrada e saída.

Oito meses despois, o acordo aprobado polo Concello contempla medidas legais se non se realizan os traballos. "O Concello pouco máis pode facer porque a estrada é da Deputación, que parece que ten pouca gana de darlle unha solución", censura o tenente de alcalde, o socialista José Luís Álvarez, quen defende que a vía que se está a empregar "non ten capacidade para o tráfico que se lle está a meter e pode acabar nunha desgraza".