Enerxías renovábeis

A Illa de Arousa, seleccionada para o proxecto verde Clean Energy for EU Islands

Illa de Arousa. Twitter.

A Comisión Europea seleccionou a Illa de Arousa e 25 illas máis para participaren no seu proxecto Clean Energy for EU Islands que pretende desenvolver unha transición cara ás enerxías limpas para 2020.

 

A Illa de Arousa vén de ser elixida como unha das 26 illas europeas que recibirán axudas do proxecto da Comisión Europea Clean Energy for EU Islands. Este proxecto consiste na elaboración e desenvolvemento dunha axenda de transición enerxética para o cambio ás enerxías limpas en 2020.

 

A candidatura do Concello da Ila de Arousa para este proxecto é unha iniciativa conxunta na que participan Nosa Enerxía, a FAEPAC (Fundación Axencia Enerxética Provincial de A Coruña) e a Unión Renovables.

 

Ademais das citadas, esta axenda tamén ten o compromiso de colaboración para o desenvolvemento de máis de 15 entidades nacionais e locais como a Deputación da Coruña, o Concello Regulador do Mexillón da Galiza, a confraría e a asociación das mariscadores e os centros de ensino da illa así como colectivos culturais e ambientais.

 

“Os obxectivos deste proxecto”, destacan desde Nosa Enerxía, “son a redución de custos e emisións de carbono, contribuír ao desenvolvemento da mobilidade sostíbel e á conciencia ambiental”.