COMEZA ESTA SEXTA FEIRA NA CORUñA

O III Galeusca Historia abordará a cuestión das migracións e as fronteiras

Imaxe do II Congreso Galeusca Historia

Entre o 18 e o 19 de setembro terá lugar na Coruña o o terceiro encontro após os realizados en 2010 en Barcelona e en 2012 en Bilbao.

Transcorridos sete anos da sinatura do manifesto “Galeusca: 1933 – 2008”, promovido en 2008 pola Asociación Galega de Historiadores en 2008 e que foi subscrito por historiadores e historiadoras de Galiza, Euskadi e Catalunya, esta fin de semana o noso país sediará a III edición do Galeusca Historia.

Esta xornada terá lugar concretamente na Coruña, na Aula Naútica da UdC, os vindeiros 18 e 19 de setembro. Desta volta o Galeusca Historia centrará os seus traballos nun tema de enorme actualidade como é o “exilio, migracións e fronteiras”.  Farao, loxicamente, desde unha perspectiva histórica, con especialistas das tres nacións.

O catedrático emérito da USC, Justo Beramendi, será o encargado da conferencia de apertura do III Galeusca, cunha palestra sobre a “A influencia do exilio na ideoloxía de Castelao”. O programa completo das xornadas pode consultarse no sitio web da revista Murguía. A matrícula para participar das xornadas fica aberta até esta segunda feira, día 14. Esta terceira edición do Galeusca Historia porá o ramo ao primeiro ciclo de encontros realizados ao abeiro desta iniciativa conxunta entre historiadoras dos tres territorios.  

O evento está dirixido polo historiador e profesor da UdC, Uxío-Breogán Diéguez Cequiel. É cooorganizado polo departamento de Historia Contemporánea da USC e o grupo de investigación HISTAGRA, do que é Investigador Principal, Lourenzo Fernández Prieto. Aliás, na súa realización colaboran  o Departamento de Xeografía e Historia da Universidade de Vigo, o Biography & Parliament Reseach Group da Euskal Herriko Unibertsitatea/Universidad del País Vasco, o Grup d’Estudis d’Història dela Cultura i dels Intel-lectuals (GEHCI) da Universitat de Barcelona, o Departament d’Història i Historia de l’Art da Universitat Roviri i Virgili, o Institut Ramon Muntaner, o Grup de Recerca d’Història Moderna ‘Manuscrits’ da Universitat Autònoma de Barcelona, a Coordinadora de Centres d’Estudis de Parla Catalana, Murguía, Revista Galega de Historia, a Fundación Galiza Sempre, a Fundación Alexandre Bóveda, a Agrupación Alexandre Bóveda e a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña.