A II Deseucaliptización simultánea elimina dos montes galegos máis de 81.000 exemplares de especies de invasoras

Foto: Cousa de Raíces

Case 400 persoas participaron na segunda edición da iniciativa de Cousa de Raíces. As actuacións transcorreron en concreto os días 1, 5, 8, 9 e 15 de xuño, coincidindo en parte coa Semana do Medio Ambiente, nunha superficie total que superou as 10 hectáreas, distribuídas en 15 montes galegos

A segunda edición da Deseucaliptización simultánea impulsada por Cousa de Raíces eliminou dos montes galegos un total de 81.200 pés de eucaliptos e de acacias, entre gromos de cepa, plántulas e árbores de maior porte. Así o manifesta a propia organziación, que salienta que tomaron parte na iniciativa case 400 persoas, que acudiron voluntariamente a 15 montes galegos, da man de 25 entidades de carácter ecoloxista, cultural, veciñal, educativo e de comunidades de montes.

As actuacións transcorreron en concreto os días 1, 5, 8, 9 e 15 de xuño, coincidindo en parte coa Semana do Medio Ambiente, nunha superficie total que superou as 10 hectáreas, distribuídas en 15 montes galegos. 90% das especies exóticas invasoras eliminadas foi de Eucalyptus globulus (o máis espallado en Galiza),  mais en seis das quince actividades realizadas tamén se intentou erradicar Acacia melanoxylon ou acacia negra e a mimosa ou Acacia dealbata. .

Ademais, algúns dos grupos participantes, alén de eliminar exóticas, tamén plantaron nestes terreos especies forestais e froiteiras autóctonas, como foi nos casos da Finca Cambeiro en Corcubión, do monte de Rebordelo en Cerdedo-Cotobade ou dos montes de Teis en Vigo. Outra das experiencias protagonizada pola asociación Betula, nas Fragas do Eume, consistiu en avaliar os resultados da cobertura de cepas de eucalipto con plástico negro para evitar que a luz favorecese o seu rebrote e a aparición de fungos saprófitos

O grupo máis numeroso da II Deseucaliptización simultánea foi o convocado polo colectivo A Rente do Chan-Pladever, que conseguiu reunir nos montes de Gradín a 85 voluntarias e voluntarios, entre os que se atopaba o alumnado do IES e Pontecaldelas, que participa tamén no proxecto educativo “Monte Vivo”.