Igualdade, para que?

Marcha feminista

Outro 8 de marzo. Máis de 100 anos de celebración, reivindicación, loita e traballo colectivo. Día de grandes titulares, día para dirixir todos os focos sobre o rostro feminino da pobreza e a explotación. Palabras de recoñecemento para as mans que sosteñen o mundo, os pés que coidan da vida ou os ollos que tecen a esperanza dun futuro distinto.

Palabras e palabras. Abrir a memoria tamén ten algo de deixar que as palabras collan corpo na mente. Cantas veces falamos da igualdade como un remendo corrector nunha situación de desigualdade? Moitas, xa o esquecín. Sabedoras de que modificar as regras do taboleiro en plena partida nin é inmediato nin nada doado, a capacidade transformadora das políticas de igualdade, aínda que incompleta, hoxe antóllaseme revolucionaria á luz dos dados que nos deixa esta crise e o retroceso ideolóxico que implica.

Considerar a acción política desde a coresponsabilidade era unha aposta clara por superar un marco onde só se fala de conciliación en referencia ás mulleres. Os homes nin teñen familia, nin concilian, nin consideran importante tales cousas femininas. O Plan galego de fomento da coresponsabilidade situábase nesas coordenadas de modificar a visión do coidado e contribuír á redistribución de espazos e tempos. Se cadra unha das accións máis coñecidas eran as Galescolas. Espazos educativos de calidade que cometeron o pecado mortal de querer ensinar a falar as crianzas deste país en galego, se alén disto engadimos esa rareza de incluír no seu nome o prefixo “Gal” de Galiza, pois o pecado convértese en duplamente mortal. Agora, detida a apertura de novas prazas, pechando as do rural como A Bola ou Rairiz de Veiga e reducindo o horario das tardes, a óptica de igualdade é un eco doutro tempo na educación infantil galega. A coresponsabilidade nas empresas xa soa a rancio, rancio. En poucos anos quedounos moi claro que podemos facer xogo, mais que aquí sempre gaña a banca e as mulleres perden. A vangarda de futuro está no posfeminismo de volver ao fogar ou ter un emprego como simple complemento familiar.

A ollada de xénero sobre a ciencia e a tecnoloxía era unha aposta tan complexa de artellar como necesaria para entender o I+D+i en chave social e como motor para superar as desigualdades

A ollada de xénero sobre a ciencia e a tecnoloxía era unha aposta tan complexa de artellar como necesaria para entender o I+D+i en chave social e como motor para superar as desigualdades. Todos os estudos evidencian a enorme fenda salarial neste terreo, os grandes obstáculos na carreira investigadora das mulleres, a invisibilización sistemática das mulleres científicas e os nesgos sexistas na elección dos estudos científicos e tecnolóxicos. Perante tal situación optouse por crear unha “Unidade Muller e Ciencia de Galiza” encargada de realizar un programa e traballo propio nesa materia. O decreto que a creou segue vixente. Xunto co premio María Josefa Wonenburguer é o que fica daquel proxecto. Mesmo o proxecto de lei de investigación e innovación de Galiza en trámite parlamentar esquece citar sequera a existencia desta Unidade e os obxectivos que cumpría des- envolver dentro do marco de investigación e innovación galego.

As axudas á cotitularidade das explotacións agrarias -vella demanda das labregas-, o programa Arlinga para as mulleres redeiras -costureiras do mar nos peiraos-, os microcréditos para mulleres, o salario da liberdade, o programa de acompañamento Rodela para mulleres que sofren violencia, a educación afectivo-sexual nos centros Quérote eran pequenos pasos, eran seguramente só modestos parches deste sistema patriarcal.

Dinamizar as asociacións de mulleres con charlas sobre feminismo e historia, obradoiros de autoestima ou creación literaria pode que fose unha tolería das que pensamos que os “Tempos de Mulleres” son importantes. O recoñecemento das nosas nais e avoas, a posta en valor do seu traballo e as súas formas de resistencia e transformación tamén é unha obriga desde o feminismo.

O patriarcado vén de moi antigo. Sabe da construción da identidade, da sexualidade, dos afectos, dos desexos, das espectativas vitais, do sistema de relacións

Hai quen afirma que non é posíbel eliminar o patriarcado sen eliminar o capitalismo. Claramente se necesitan e son o complemento perfecto, o traballo gratuíto por amor sostén un sistema inxusto de reparto de bens e recursos. A acumulación en mans dun poucos ten nome masculino e xera maior desigualdade entre as desiguais. Mais o patriarcado vén de moi antigo. Sabe da construción da identidade, da sexualidade, dos afectos, dos desexos, das espectativas vitais, do sistema de relacións. Sabe do valor do simbólico, do recoñecemento entre iguais, do reparto asimétrico do poder, do valor dos imprescindíbeis e das intercambiábeis. Sabe que as regras da tribo non se cambian sen autorización.

As mulleres tamén saben. De revolucións sen sangue, de pasos pequenos, da resistencia e transformación, do valor da cousas, da dificultade para manter a vida, da facilidade para quitala. As mutilacións, as violacións, as torturas, as violencias, as exclusións, a falta de recoñecemento, a fenda salarial, a fenda tecnolóxica, os teitos de cristal, os chans pegañentos, o frío de sal na conserva, a calor dos ferros de pasar no téxtil, son a realidade que cada 8 de marzo nos obriga a preguntarnos “para que a igualdade?”.

Como afirma Simone de Beauvoir no libro que me inspirou este artigo, Para que a acción?, para ser libres.

 

Este artigo viu a luz no número 8 do caderno de análise A Fondo que levaba por título xenérico "8M: a loita pola igualdade continúa" e que facía parte do Sermos38, publicado a 8 de marzo de 2013.