Igualdade da Deputación da Coruña destina máis de 400.000 euros a iniciativas de conciliación e loita contra a violencia machista

María Muiño

Un total de 39 entidades reciben 416.042  euros a través da liña de axudas para financiar os seus programas de igualdade.

Un total de 39 entidades son beneficiarias dos 416.042 euros que a área de Igualdade da Deputación da Coruña achega para o financiamento de programas de fomento da igualdade.  Unha liña de axudas destinadas a apoiar programas de fomento da igualdade, con especial atención á conciliación, o empoderamento e a loita contra a violencia machista

A área de Igualdade da Deputación da Coruña sinala que así apoia os programas de actividades que desenvolven as asociacións que traballan maiormente con mulleres. Nesta nova edición, a resolución definitiva contempla que 39 son as entidades que recibirán apoio a través desta liña de axudas..

Con achegas que van até máis de 27.200 euros, apoia os programas presentados polas asociacións que, nesta edición, centráronse  en iniciativas dirixidas a promover a conciliación da vida laboral e familiar, a potenciar o empoderamento das mulleres e tamén a desenvolver distintas accións, principalmente de concienciación, de prevención contra a violencia machista.

Ademais, máis dun cuarto de programas dos que reciben subvención da Deputación, teñen como obxectivo accións destinadas ás mulleres do ámbito rural para promocionar a súa participación social, o fomento do emprego ou apoio a coidadoras.

"Desde área de Igualdade da Deputación da Coruña esta convocatoria é especialmente interesante, en primeiro lugar porque se dirixe ao tecido asociativo que traballa en todo o territorio e tamén porque apoia programas de grande interese social que contribúen a promover e dar pasos adiante na igualdade e a eliminación do machismo e o feminicidio", sinala a deputada de Igualdade, María Muíño.

Destaca, neste sentido, o interese dos programas destinados a eliminar o machismo e a violencia con iniciativas que desenvolven as entidades e supoñen avanzar na concienciación e sensibilización contra a violencia. "Na área de Igualdade da Deputación durante todo o ano traballamos con accións directas para vencer a violencia machista, man a man cos concellos, mais queremos tamén colaborar coas entidades porque, ao noso ver, este ten que ser un obxectivo conxunto da sociedade enteira e un obxectivo, ademais, urxente", apunta María Muíño.