Á igrexa, si: A Xunta amplía até un terzo a capacidade dos lugares de culto nos 60 concellos con máis restricións

Era até agora dun máximo de 25 persoas mais Sanidade considera que son sitios "seguros en relación coa transmisión".

Hostelaría non mais igrexas si. A Xunta ampliou até un terzo a capacidade dos lugares de culto nos 60 concellos nos que están en vigor medidas máis restritivas para facer fronte á segunda onda de  contaxios da Covid-19, como as sete cidades e a súa área perimetral.

En concreto, nunha orde publicada o pasado 4 de novembro, a Administración galega establecía nestas localidades o límite máximo de persoas nos lugares de culto sería de 25. Pola súa banda, nos 253 concellos restantes o máximo xa estaba en 50 persoas.

Con todo, nun decreto con data do 9 de novembro, a Xunta actualiza estas medidas ao considerar que "os lugares de culto" son "seguros en relación coa transmisión" do  SARS- CoV-2" e lembra que, tras unha investigación epidemiolóxica, "non se detectou ningún brote que puidese identificarse como orixe nun lugar de culto".

Así, sinala que, a pesar de tratarse de espazos interiores, "a permanencia neles é dun tempo limitado". "As persoas non interactúan entre si, manteñen a distancia de seguridade en todo momento e utilizan a máscara de forma sistemática, salvo en momentos puntuais", apunta.

Por iso, considera que "non existe inconveniente" desde o punto de vista epidemiolóxico en eliminar a medida consistente no establecemento dun límite máximo de asistentes e manter que na Galiza a asistencia aos lugares de culto non poderá un terzo da capacidade nos 60 concellos e 50% no resto.

Nota: Esta nova foi correxida ás 11:30 horas pois contiña unha información errada ao cifrar en ayé 50% o aumento da capacidade cando ese aumento é de até 1/3.