A igrexa perde fieis para casar

Imaxe dunha voda civil

A cifra de casamentos civís aumentou progresivamente no que vai de século pasando a ser o 67% do total segundo os últimos dados rexistrados.

De acordo cos dados fornecidos polo Instituto Galego de Estatística (IGE) a igrexa católica está a perder fieis na Galiza, cando menos á hora de escoller o tipo de cerimonia coa que proceder a formalizar o contrato matrimonial. 

E é que a comezos deste século os matrimonios civís apenas representaban dous de cada dez (22,3%) do total de casamentos levados a cabo (11.981) fronte ás 9.279 casais --de distinto sexo-- que optaron por unha cerimonia católica. 

Nese ano, a cifra de matrimonios asinados na Galiza foi de 8.720 porén, as cerimonias relixiosas apenas representaron o 32,4%, isto é, 2.831, aos que habería que engadir 33 levadas a cabo por persoas doutras confesións relixiosas. En troca, 5.856 casais decidiron acudir aos xulgados ou os concellos en cerimonias civís. É dicir, seis de cada dez parellas –de distintos sexos-- viraron as costas á igrexa o que representa un aumento de corenta puntos en pouco máis dunha ducia de anos. 

Bautizos civís

Nos últimos anos, a decisión de tirar as cerimonias do espazo relixioso para as tornar laicas estase a trasladar tamén ao bautizo. 

O primeiro foi Guitiriz en 2005 seguido de Oleiros (2008) e Marín (2009). así como tamén Begonte (Terra Chá). Recentemente os concellos de Manzaneda ou A Coruña (2016) tamén se sumaron a esta iniciativa sen validez legal na que se substitúe a leitura de textos bíblicos pola da Convención dos dereitos das crianzas e/ou por poesía e outros escritos xeralmente da escolla familiar. Os municipios que desenvolven este tipo de cerimonias tamén levan a cabo un rexistro daquelas crianzas cuxas familias deciden darlles a benvida cunha festa arredada da fe.