A Igrexa comezará a pagar o imposto sobre construcións

O ministro Félix Bolaños e o Nuncio Apostólico Bernardito Auza. (Foto: Eduardo Parra Europa Press)
A entidade relixiosa aínda está exenta de IBI.

O Goberno do Estado español e a Conferencia Episcopal Española (CEE), co asentimento da Santa Sé, alcanzaron un acordo polo cal se tramita ante a Santa Sé a renuncia ás exencións, derivada dos Acordos, que afectan ás Contribucións Especiais e ao Imposto sobre Construcións, Instalacións e Obras (ICIO), vixente desde 1979. 

Con esta finalidade, o Goberno procederá á derogación da Orde Ministerial de 5 de xuño de 2001 do Ministerio de Economía e Facenda onde se regula a inclusión do ICIO no Acordo entre o Estado español e a Santa sé sobre Asuntos Económicos, segundo informaron nun comunicado conxunto. 

Neste sentido, este acordo desenvólvese "na vontade compartida entre o Goberno do Estado español e a CEE de equiparar o réxime fiscal da Igrexa católica coas entidades sen ánimo de lucro, conforme o principio de non privilexio e non discriminación".  

O acordo, que se fixo efectivo esta cuarta feira mediante o correspondente intercambio de notas entre o Goberno español e a Nunciatura Apostólica, suporá que a Igrexa deixe de aforrar máis de 16 millóns de euros. "Os Concellos, que son os encargados de recadar estes impostos, tanto o de licencia de obra como as contribucións especiais, ingresarán máis de 16 millóns de euros ao ano; serán ingresos que terán Concellos e entidades locais", explicou onte o ministro de Presidencia, Relacións coas Cortes e Memoria Democrática, Félix Bolaños.

O ministro quixo remarcar que, con este acordo, resultado  dun "ano de negociación intensa e discreta", "rematan os privilexios fiscais da Igrexa católica española". "A partir de agora" a Igrexa será tratada, encanto ao pago de tributos, "como calquera entidade sen animo de lucro", afirmou.

A Igrexa seguirá exenta de IBI

Non obstante, a Igrexa católica seguirá exenta de pagar o Imposto de Bens Inmóbeis (IBI), aínda que puntualizou que neste punto o trato á Igrexa é "absolutamente equiparábel a calquera entidade sen ánimo de lucro", as cales tampouco teñen que pagar esta taxa. 

O ministro de Presidencia recoñeceu que o Goberno español ten "algunhas diferenzas" coa Igrexa católica, pero puxo no centro o que os "une", a busca do "ben común".