Por parte de La Voz, El País e Le Monde

Ignacio Ramonet denuncia ter sido albo de censura após publicar o seu libro de conversas con Fidel

Ignacio Ramonet e Fidel Castro

En 2006 Ignacio Ramonet deu ao prelo o libro de conversas Fidel Castro. Biografía a 2 voces (editorial Debate, Barcelona). O intelectual de esquerdas de orixe galega denuncia agora que a partir dese momento foi vítima dunha persecución, unha nova caza de bruxas. Asegura ter sido censurado consecutivamente por El País, La Voz de Galicia, a radio pública France Culture e Le Monde.

Após a morte de Fidel Castro, o exército mediático da direita internacional atacou o líder cubano, entre outros argumentos, coa inevitábel cantinela de que encabezaba unha ditadura que reprime os intelectuais críticos. A campaña anticastrista desatada imediatamente após a desaparición física do comandante -que non deixa de ser continuación da que ininterrumpidamente se abriu após os revolucionarios chegaren vitoriosos á Habana en xaneiro de 1959- provocou a resposta dun dos intelectuais do mundo occidental que mellor coñecen a realidade da illa e que tiveron maior contacto con Fidel Castro, o galego Ignacio Ramonet, escritor, xornalista, ex director de Le Monde Diplomatique e actual responsábel da súa edición en español.

Ramonet, nun artigo que circula por internet e que acaba de ser pendurado no blogue de Silvio Rodríguez, cualifica de "infamias" os ataques que se estiveron a deitar "nalgúns grandes meios occidentais" contra Cuba. E como a mellor defensa é un ataque, o xornalista nado en Redondela en 1943 e criado en Tanger decide contar unha vella historia de represión contra un intelectual, que o ten a el como damnificado e que non se desenvolve na maior das Antillas, senón na vella Europa.

Todo comezou en 2006 cando o escritor dá ao prelo o resultado de varias conversas con Fidel Castro, un volume titulado Fidel Castro. Biografía a dúas voces ou tamén Cen horas con Fidel, libro editado por Debate en Barcelona. "Inmediatamente fun atacado. E comezou a represión", escrebe Ramonet. O primeiro ataque, afirma, veu do grupo PRISA. "O diario El País (Madrid), no que até entón eu escribía regularmente nas súas páxinas de opinión, sancionoume. Cesou de me publicar. Sen me oferecer explicación ningunha. E non só iso, senón que -na mellor tradición estalinista- o meu nome desapareceu das súas páxinas. Borrado. Non se voltou a reseñar un libro meu, nen se fixo nunca máis mención algunha de actividade intelectual miña. Nada. Suprimido. Censurado. Un historiador do futuro que procurase o meu nome nas columnas do diario El País deduciría que falecín hai unha década...".

"O diario El País (Madrid), no que até entón eu escribía regularmente nas súas páxinas de opinión, sancionoume. Cesou de me publicar. Sen me oferecer explicación ningunha"

La Voz de Galicia tamén se tería sumado ao xuízo sumarísimo contra Ramonet. "O mesmo na Voz de Galicia, diario no que eu escribía tamén, desde había anos, unha columna semanal titulada Res Pública. A raíz da edición do meu libro e sen tampouco a mínima excusa, reprimíronme. Deixaron de publicar as miñas crónicas. Da noite á mañá: censura total. Ao igual que en El País, ninguneo absoluto. Tratamento de apestado. Xamais, a partir de entón, a mínima alusión a calquera actividade miña".

E acrescenta: "Como en toda ditadura ideolóxica, a mellor maneira de executar un intelectual consiste en facelo 'desaparecer' do espazo mediático para 'matalo' simbolicamente. Hitler fíxoo. Stalin fíxoo. Franco fíxoo. Os diarios El País e La Voz de Galicia fixérono conmigo".

Na Franza berce da Revolución de 1789 e da Ilustración, de Descartes e Voltaire, o trato que os meios deron a Ramonet foi distinto? Pois vai ser que non: "En Franza ocorreume outro tanto. En canto as editoriais Fayard e Galilée editaron o meu libro Fidel Castro. Biographie à deux voix", en 2007, a represión abateuse de imediato contra min".

Refere Ramonet que tería sido expulso da radio Pública France Culture, na que dirixía un programa semanal de política internacional -"é imposíbel que vosté, amigo dun tirano, continúe a se expresar nas nosas ondas", teríalle dito a directora da emisora- e na Universidade París-VII o seu reitorado decidía non renovar o contrato ao xornalista galego, que levaba 35 anos impartindo aulas de teoría de comunicación audiovisual nese centro de educación superior.

"Como en toda ditadura ideolóxica, a mellor maneira de executar un intelectual consiste en facelo 'desaparecer' do espazo mediático para 'matalo' simbolicamente"

Non acabou aí a cousa. No sancta santorum do que nalgún momento foi referente do xornalismo progresista francés, o diario Le Monde, desatáronse tamén as hostilidades contra Ramonet, até o ponto de o presidente da Sociedade de Redactores -naquela altura o accionista principal da empresa- recriminarlle que tivese entrevistado "un ditador", unha práctica que, afirmaba, violaría a ética dese meio. "Citeille de memoria unha lista dunha ducia de auténticos autócratas de África e doutros continentes aos que o diario concedera comparecentemente a palabra durante décadas. 'Non é o mesmo -díxome- Precisamente chámote por iso: os membros da Sociedade de Redactores queren que veñas e nos deas unha explicación". 'Querédesme facer un xuízo. Un 'proceso de Moscova'. Unha 'purga' por desviacionismo ideolóxico. Pois ides ter que asumir a vosa función de inquisidores e de policías políticos e levarme á forza perante o voso tribunal'. Non se atreveron".

A caza non ten só Ramonet como albo, e o escritor e xornalista afirma coñecer "en Franza, en España, noutros países europeus, muitos intelectuais e xornalistas condenados ao silencio, á invisibilidade e á marxinalidade por non pensar como o coro feroz dos meios dominantes, por rexeitar o 'dogmatismo anticastrista obrigatorio'".

"Isto non ocorreu hai 50 anos nunha lonxincua ditadura poeirenta. Está a pasar agora, nas nosas 'democracias mediáticas'", conclúe Ramonet.