Nace i.gal, o acurtador galego de URLs

PuntoGal, Agasol e Dinahosting poñen en andamento esta cuarta feira, 26 de xullo, o novo servizo.

O servizo i.gal posibilita codificar calquera enderezo web facéndoo máis pequeno e manexable para enviar, compartir, publicar ou memorizar. Tamén permite personalizar as palabras que forman parte da URL resultante, de xeito que sexa máis sinxela a súa utilización posterior. A iniciativa forma parte da colaboración que mantén PuntoGal con Dinahosting á que se une a Asociación Galega de Software Libre (Agasol), entidade que tamén forma parte da asociación e que ven colaborando co dominio dende os seus inicios. Recentemente, PuntoGal e Dinahosting puxeron en marcha tamén Velaqui.gal, un sistema que permite o intercambio de arquivos de ata 2Gb de maneira gratuíta.

 

A saída de i.gal (www.i.gal) coincide no tempo coa promoción de PuntoGal que permite rexistrar dominios novos por un máximo de 25 euros máis IVE ata o día 31 de xullo. PuntoGal conta, a día de hoxe, con máis de 4.100 dominios rexistrados. A asociación agradece, como sempre, o apoio da sociedade galega a este proxecto común. O dominio é voso.