O Igadi abre o seu ciclo virtual de encontros sobre A Coruña global

Imaxe do ciclo organizado polo Igadi.
O Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (Igadi) inicia esta terza feira, ás 19 horas, Novos tempos na acción exterior da Galiza: A Coruña no mundo global do século XX, o seu ciclo de coloquios en liña.

O ciclo congrega figuras relevantes da política e da análise, xunto con representantes da Universidade e da sociedade civil, debaterán o papel internacional e desenvolvemento futuro da Coruña.

A acción, creada polo Igadi en colaboración co Concello da Coruña, ten como obxectivo xerar un foro no que se debata e promova o relato da Coruña como cidade internacional conectada á Axenda 2030 da ONU e á Axenda Urbana do Concello.

A primeira sesión, titulada "A globalización na cidade metropolitana: da entrada na UE á pandemia", reunirá esta terza feira, a partir das 19 horas, a varios expertos.

De maneira virtual falarán o ex presidente da Xunta e economista Fernando González Laxe, a xefa de informativos de Radio Coruña-Cadena Ser, Consuelo Bautista, e o catedrático de Xeografía Humana Andrés J. Precedo Ledo e o xornalista cultural Marcos Gendre.

O seguinte encontro, centrado na nova e vella diáspora galega e o rol da Coruña nestes movementos, será o vindeiro día 10 á mesma hora e tamén de forma virtual.

O programa completo pódese consultar en acoruna.hub.gal.