O alumnado que se disfrace será sancionado

Prohibido o entroido no IES de Mos

IES de Mos

O IES de Mos vén de informar nunha carta a alumnado e familias de que esta sexta feira 1 de marzo non terá lugar a celebración do entroido no centro, como viña sendo habitual outros anos, a fin de evitar que o estudantado marche do edificio durante a festa. Quen se disfrazar recibirá unha falta grave. A dirección rexeitou facer declaracións a Sermos Galiza.

Esta sexta feira 1 de marzo, en centros educativos de toda Galiza terá lugar unha festa con motivo do entroido, na xornada previa á ponte escolar. Porén, no IES de Mos (Mos) a mañá transcurrirá como outra calquera logo de que a dirección do centro prohibise os disfraces e calquera tipo de celebración.

 

Desde a dirección do centro, nunha carta dirixida a alumnado e familias, informaron de que en anos anteriores e noutras festas producíronse varias fugas do centro aproveitando a troula, e que para evitar esta situación o entroido queda este ano totalmente prohibido. Igualmente, a persoa que acoda disfrazada as aulas deberá ser recollida pola súa familia e recibirá unha sanción grave que a privará de actividades extraescolares até un mes.

 

Preguntado por esta cuestión, a dirección do centro rexeitou falar con Sermos Galiza.

 

A imaxe da carta é de @sitofigueroa.