O IES Johan Carballeira, primeira 'escola sen armarios' e libre de LGTBIfobia

Alumnado do IES Johan Carballeira nas gradas do instituto, un dos espazos visíbeis LGBT+ do centro. (Foto: Nós Diario).
Arelas premia o traballo en diversidade e igualdade dos centros educativos.

Perto dun cento de escolas e institutos de secundaria da Galiza contan con equipas de igualdade ou grupos de apoio á diversidade, dúas ferramentas imprescindíbeis para favorecer a coeducación nas aulas e contribuír desde o ensino a unha sociedade libre de fobias e violencias en cuestión de xénero, identidade e orientación sexual.

Desde hai cinco anos, os centros educativos están obrigados a ter un plan de igualdade que combata a diferenza, as condutas sexistas, os prexuízos afectivos e os estereotipos de xénero.  Con todo, a chave está no seu deseño e integración, un esforzo que comeza a dar resultados e a facerse visíbel.

Tamén en forma de galardóns. 'Escola sen armarios, libre de LGTBIfobia' é o premio que vén de estrear a asociación de familias de menores trans, Arelas, para recoñecer o labor dos centros educativos da Galiza en materia de prevención e loita contra todas as violencias que supoñen a homofobia, a lesbofobia, a transfobia e a bifobia. No Día Internacional contra a LGTBIfobia, 17 de maio, Arelas premiuou o IES Johan Carballeira de Bueu co título de primeira 'Escola sen armarios', a primeira cunha placa conmemorativa que acredita o instituto como un espazo seguro para o alumnado, mais non o único. 

Diversidade integral

"Cando souben da iniciativa de Arelas pensei que a nosa actividade podía encaixar moi ben e que o noso alumnado diverso e do grupo de apoio LGTB+ merecía ser recoñecido". Leo Gala Torres, coordinadora de Igualdade e Diversidade do IES Johan Carballeira, agradece con entusiasmo o acordo do xurado para laurear o traballo de visibilidade e normalización da diversidade afectivo sexual que veñen desenvolvendo no centro desde hai tres anos, "cunha perspectiva integral e atravesando todos os contidos curriculares".

Desde o centro entenden  que esta formación non pode quedar só no alumnado, senón que ten que implicar toda a comunidade educativa. Así, desde a equipa de Igualdade e Diversidade, integrada por 17 docentes de distintas materias, desenvolven un traballo colectivo ao tempo que incentivan un compromiso particular, en cada aula a través dos contidos. 

"Propoñemos proxectos nos que participa todo o centro pero  tamén actividades puntuais dirixidas ao alumnado dun curso ou dunha materia". Lingua, Inglés, Igualdade, Filosofía, Bioloxía e Física e Química contribuíron estes anos con xogos, deseño de logos, exposicións, cartas de amor diverso e claves dicotómicas diversas.

O traballo que promoven no Johan Carballeira vai máis aló das efemérides. Busca o liderado do  alumnado e a complicidade das familias, que "non sempre dispoñen das ferramentas necesarias para entender e afrontar un cambio na condición, orientación ou identidade da súa rapazada".

Arelas e o xurado do primeiro premio 'escola sen armarios', gabou os espazos propios e visíbeis LGTB+ do instituto de Bueu, nas gradas e na biblioteca; a presenza continuada da diversidade en todos os cursos e materias, con referentes históricos; a tolerancia cero coas discriminacións e violencias por razón de xénero, orientación ou identidade e o deseño de actuacións ao longo de todo o ano e que mesmo transcenden a comunidade educativa, como a curta 'Aprende, entende, únete!' ou a campaña 'A roupa non ten xénero'.

Estes días pintan no patio frases escollidas para normalizar e visibilizar a diversidade mais preparan a presentación dun xogo de mesa sobre a diversidade coincidindo co Día do Orgullo. 

Diversidade contra o discurso do odio

O IES Johan Carballeira inicia cada curso cunha enquisa que lle permita coñecer a igualdade, a diversidade e as violencias percibidas polo seu alumnado. "Para loitar contra a LGTBIfobia hai que concretar que é e a quen vai dirixida" afirma Leo Gala Torres, "superorgullosa" do seu alumnado. "Hai moito alumnado LGTB que confía en nós, que nos di que por primeira vez se sente seguro no centro, feliz, empoderado".

"As novas xeracións chegan cunha base teórica alucinante do cole, proba do labor extraordinario que moitos docentes fan na Primaria. Falan abertamente e son as primeiras en entendelo todo. Despois temos unha parte, reflexo da sociedade e da pegada da ultradereita, que rexeita o feminismo, a igualdade, a diversidade e que é reticente a facer certas actividades, até o punto de combatelas con discursos de odio. Non é demasiado grave pero indica que debemos seguir traballando", conclúe Leo Gala Torres.