Identifican dous tripulantes máis falecidos do 'Vila de Pitanxo'

O buque 'Praia Menduiña II' no porto de Saint John de Terranova (Foto: Paul Daly / Europa Press)
Miguel Ángel Lumbres, tripulante peruano que residía en Cambados, e Juan Antonio Cordero, mariñeiro e patrón de pesca de 55 anos e veciño Lepe (Huelva), súmanse aos corpos identificados do naufraxio do 'Vila de Pitanxo'

O tripulante peruano Miguel Ángel Lumbres foi o segundo identificado do naufraxio do 'Villa de  Pitanxo', o barco que naufragou o pasado martes fronte ás costas de Terranova, segundo confirmaron os familiares.

Miguel Lumbres, que residía en Cambados, enrolouse no 'Vila de Pitanxo' no último momento, ao ser chamado polo armador debido a que un tripulante dera positivo por coronavirus na PCR previa que realizan todos os mariñeiros.

De familia de pescadores en Perú, chegou a Cambados hai 14 anos, dous anos antes que o seu primo Miguel, quen atendeu esta semana aos medios, nunha conversa na que expresou a dor da familia ante o tráxico accidente.

Miguel Lumbres comezou na pesca do cerco e levaba agora dous anos traballando para o Grupo Nores. "El sempre buscaba unha oportunidade", subliñou o seu primo, quen lembra que se dedicou xa antes ao cerco.

Terceira vítima mortal

Poucos minutos despois coñecíase o nome doutra das vítimas. Trátase de Juan Antonio Cordero, mariñeiro e patrón de pesca de 55 anos e veciño da localidade onubense de Lepe.

O número de corpos identificados elévase, pois, a tres, após o de Rogelio Franco. Segundo indicaron as autoridades ás familias, os traballos de identificación dos sete corpos recuperados proseguirán ao longo deste sábado. 

Xunto aos sete corpor sen vida, que arribaron hoxe a porto a bordo do 'Praia Menduiña II', chegaron tamén os tres sobreviventes do naufraxio: o patrón do barco, Juan Padín, e o seu sobriño, Eduardo Rial Padín, así como o mozo ganés Samuel Kwesi, residente en Marín que se atopan "ben" pero "moi afectados animicamente", segundo lles trasladaron ás familias.

Após a identificación, comezarase coa tramitación por parte das autoridades canadenses e españolas para a repatriación dos corpos.