Rogelio Franco, primeiro falecido identificado tras o naufraxio do 'Vila de Pitanxo'

Persoal forense traslada un dos mariñeiros falecidos no naufraxio. (Foto: Paul Daly/Europa Press)
As autoridades do Canadá avanzan cos labores de recoñecemento dos nove mariñeiros falecidos que puideron ser recuperados do mar.

As autoridades canadenses confirmaron que Rogelio Franco é o primeiro mariñeiro falecido identificado, após o barco no que navegaba, o 'Vila de Pitanxo', naufragase no mar de Terranova a pasada terza feira.

O fillo da parella do mariñeiro confirmou a Europa Press que armadora pediulle que acudise ás oficinas da armadora Nores en Marín, onde o informaron do "recoñecemento forense" do mariñeiro.

O corpo de Franco chegou nesta sexta feira ao porto de Saint John de Terranova, xunto co outro mariñeiro falecido que recolleu o buque con bandeira do Canadá 'Nexus'.

Agora será repatriado ao Perú, xa que segundo explicaron os seus familiares, era a súa vontade ser soterrado na súa localidade natal.

Identificación dos mariñeiros falecidos

As autoridades canadenses comezaron nesta sexta feira co recoñecemento forense dos falecidos polo naufraxio do pesqueiro 'Vila de Pitanxo', despois de que o buque do Canadá 'Nexus' aportase en Saint John de Terranova con dous dos nove corpos recuperados.

Á espera de que o 'Praia Menduíña 2' tome terra este sábado, os mariñeiros falecidos serán trasladados á morgue para desenvolver o recoñecemento forense e a expedición do certificado de defunción por parte das autoridades competentes.

Unha vez estes traballos rematen, os nove corpos serán levados de xeito individual á funeraria. O traslado farase baixo a supervisión presencial do cónsul xeral do Estado español en Montreal e o cónsul honorario de Saint John.

Antes de que se poida repatriar os cadáveres, o Consulado Xeral deberá levar a cabo a inscrición das defuncións no libro de falecementos do Rexistro Civil, co obxectivo de desenvolver a repatriación das vítimas con todas as garantías, rigor e dilixencias e a máxima celeridae posíbel".