Identifican un mozo no entroido de Ourense por un cartaz 'Gora Alka-ETA'

A policía española tomou os dados de tres persoas en total e ameazou con os enviar á Audiencia Nacional por "enaltecemento do terrorismo".

Segundo recolle o Observatorio para os dereitos e liberdades, Esculca, o 8 de febreiro catro persoas foron identificadas por axentes da policía española durante as festas do entroido. 

Os acontecementos ocorreron na Praza Marior de Ourense, por volta das 2.30h da madrugada, cando entre 7 e 8 axentes, segundo o relato feito público por Esculca, aproximáronse a un mozo disfrazado de titereteiro que portaba un cartaz no que puña 'Gora Alka-ETA', en referencia aos dous artistas prendidos en Madrid após a denuncia do concello e que se atopan en prisión sen fianza acusados de "enaltecemento do terrorismo". 

Os axentes da policía dixeron que trasladarían os dados do mozo á Audiencia Nacional española para que esta valore se procede a súa imputación por "enaltecemento do terrorismo"

A policía "agarrouno por un brazo, cruzoullo nas costas e afastouno até o furgón" para lle tirar o cartaz e proceder á súa identificación. Nese momento, dúas amizades aproximáronse a el para coñecer as razóns e tamén foron identificadas. 

Segundo Esculca, os axentes sinalaron que procederán a trasladar os dados persoais á Audiencia Nacional española para que se "valore a posibilidade de acusar o mozo dun delito de "enaltecemento do terrorismo". Porén, acrecentan, "non mediou denuncia algunha do feito". 

Concentración

Esta cuarta feira a CNT convovou unha mobilización en Compostela para exixir a posta en liberdade dos dous titereteiros apresados, da compañía Títeres desde Abajo. Será ás 20h na Praza do Pan (Praza Cervantes). 

Aseguran que se trata dun dos "casos máis vergoñentos dos últimos anos no que se refire á violación da liberdade de expresión".