Dereitos Civís leva ao Defensor del Pueblo as identificacións policiais na 'Vuelta' por levar bandeiras galegas

O colectivo entende que se dá unha “vulneración grave dos dereitos fundamentais”.

Dereitos Civís informa que vén de presentar unha queixa perante o Defensor del Pueblo a raíz das identificacións policiais que decorreron en Galiza no verán de 2014 a persoas que “levaban bandeiras galegas” durante o paso de 'La Vuelta' ciclista por localidades do país, nomeadamente Compostela. O movemento informa que dá este paso após que nin Delegación do Goberno nin a Xefatura Superior de Policía lles aclarase as razóns destas actuacións policiais.

“A policía nacional española continúa sen aclarar por que motivo procedeu a identificar a ducias de persoas durante o paso da Volta Ciclista por Santiago de Compostela no ano 2014. Dáse a coincidencia de que todos os cidadáns e cidadás aos que os corpos de seguridade lle requiriron presentar o DNI levaban bandeiras galegas”.

Dereitos Civís (DD.CC) afirma que desde a Xefatura de Policía contestóuselle que as identificacións se realizaron ao abeiro do artigo 20 da derrogada LO 1/92 de Seguridade Cidadá “que ampara o coñecemento da identidade das persoas na vía pública sempre que esta fora necesaria para o exercicio da protección da seguridade. Porén, a Xefatura Superior de Policía non explicou en ningún momento a razón que activaría a necesidade de identificación das persoas presentes para a protección da seguridade”.

En calquera caso, indica DDCC, tanto a Xefatura Superior como a Delegación, como o Goberno español nunha contestación a unha pregunta sobre este tema no Congreso, negan que as identificacións se realizaran polo simple feito de portar simboloxía galega. “Porén, tampouco achegan outro motivación plausíbel para proceder as identificacións e curiosamente, todos os cidadáns e cidadás ás que se lle requiriu presentar o DNI tiñan en común que levaban bandeiras nacionalistas ou simboloxía galega”.