A identificación do ourensán disfrazado de titereteiro chega á Audiencia Nacional

A xuíza de Ourense inhibiuse argüíndo falta de competencia polo que será o tribunal español quen determine se existe delito.

O caso do mozo ourensán identificado pola policía española no Entroido por levar un cartaz no que se podía ler 'Gora Alka-ETA' será remitido á Audiencia Nacional española após apartarse do caso a responsábel do Xulgado de Instrución nº3 de Ourense por falta de competencias, segundo recolle  esta terza feira Faro de Vigo. 

A xuíza de instrución inhibiuse por falta de competencias derivando o caso a Madrid

M.S.R. foi identificado na madrugada do 5 de febreiro mentres facía parte das destas de Entroido da cidade de Ourense. Ía disfrazado de titereteiro con motivo da detención de dous artistas madrileños aos que se lles atribuía un delito de 'enaltecemento do terrirismo'. Finalmente foron postos en liberdade con cargos, despois de cinco días en prisión. 

Durante a identificación os axentes aseguráronlle que o disfraz "era apoloxía do terrorismo"

En conversa con Sermos Galiza o mozo ourensán explicou como "7 ou 8 policías nacionais (CNP). Colléronme e dixéronme que tiña que ir con eles. [...] Dixeron que o que estaba a facer estaba a molestar a xente e que recibiran varias chamadas por mor do meu disfraz e do cartaz. [...]  Os axentes preguntáronme como ía así vestido co que estaba a pasar, que era apoloxía do terrorismo e que levaban os meus dados ao xuíz para que decidise se cumpría dar parte á Audiencia Nacional". 

Agora será o tribunal español o que determine se, a partir do atestado policial, inicia un proceso xudicial ou non contra el. 

"Como é posíbel que me entere pola imprensa?"

En conversa con Sermos Galiza M.S.R. amosouse sorprendido pola decisión da xuíza de instrución que coñeceu através dos medios de comunicación. "Preocúpame", asegura, "como funciona a xustiza" e "ver a nova nos xornais" sen ter recibido "ningunha notificación de nada". 

"Preocúpame como funciona a xustiza"

"Non recibín notificación absolutamente de nada" no que describe como unha "situación Inquisitora" que "non entendo moi ben", afirma. 

Agora resta agardar a que a Audiencia Nacional española adopte unha decisión a respeito do seu caso do que, sinala, descoñece mesmo o contido do atestado que presentou a policía. Porén, amósase "tranquilo", ora ben, "preocupado pola miña familia", asegura.