Identidades nacionais e nacionalismos no Estado español, a debate na IV Galeusca Historia

Unha imaxe do II encontro Galeuska Historia (Arquivo revista Murguía).

O encontro de historiadores galegos, vascos e cataláns decorrerá en palma de Mallorca do 5 ao 7 de xullo

‘Identidades nacionais e nacionalismos no Estado español na época contemporánea’ é o título da IV edición do Galeuska Historia, o encontro de historiadores galegos, vascos e cataláns que nesta ocasión vai decorrer en Palma de Mallorca, do 5 ao 7 de xullo. Nestas xornadas debateranse e analizaranse a través de intervencións, relatorios ou mesas de debate diversas perspectivas a respecto das nacións sen estado na Península Ibérica. Entre os participantes, os historiadores galegos Justo Beramendi, Uxío-Breogán Diéguez e Xosé Estévez.

 

‘Tensións nacionais no Estado español’ e ‘O nacionalismo galego en perspectiva histórica’ son os títulos das intervencións de Beramendi, mentres que Uxío-Breogán Diéguez falará de ‘Mobilización obreira e cuestión nacional na Galiza da transición’. De por parte, Xosé Estévez vai intervir sobre Xosé Velo e o Galeuzca de 1959 en Caracas.

 

En anteriores encontros de Galeuska Historia abordáronse diferentes cuestións, desde os exilios, migracións e fronteiras; até a construción nacional e represión identitaria. Se queres coñecer o programa completo desta IV edición, podes lelo no adxunto a esta nova.