Identidade, xénero e dereitos trans: entre o debate e o ruído

Concentración contra a transfobia o pasado 16 de abril na Coruña. (Foto: @ArirFenda).
O ciclo 'Mulleres e realidades comúns' que desenvolve a Asociación Cultural Alexandre Bóveda recibe esta sexta feira a filósofa, activista feminista e investigadora Carme Adán, quen reflexionará sobre o debate e o ruído que rodea a construción da identidade de xénero e a lei trans.

"Estamos nun cambio de paradigma epistémico. Por iso nos custa tanto, porque realmente é difícil pensar unha realidade distinta sen a diferenza sexual, porque fomos educadas na diferenza sexual para todo", afirma Carme Adán, quen apunta esta "revolución epistémica" como fío condutor da palestra na que vai participar esta tarde, ás 19 horas, na sede da Asociación Cultural Alexandre Bóveda, na Coruña. "Como di Paul Preciado - filósofo e pensador de referencia polas súas contribucións á teoría queer-, estase poñendo en cuestión a epistemoloxía de xénero máis consolidada e máis antiga que existe".

Se alguén está reclamando un dereito é porque está privado del

Para a sociedade, advirte, o máis cómodo é binarismo sexual. "Entende que o máis natural é ser home ou muller. Pero desde que o feminismo empezou a cuestionar esa diferenza e a sinalar que non se nace muller senón que se chega a ser, abriuse un espazo de debate pouco confortábel, polo que é moi difícil camiñar". 

Ese espazo é o que Adán denomina 'o gume da navalla', que dá título ao diálogo que vai manter arredor da identidade de xénero e o debate da lei trans dentro do ciclo 'Mulleres e realidades comúns', coordinado por Cristina Bajo. Un espazo que "en ocasións rompe sororidades e enfronta persoas que traballan xuntas todos os días para ampliar dereitos".

A importancia de lexislar

Ese é o obxectivo da lei pendente de ser considerada a trámite no Congreso dos Deputados, cuxa discusión xera un debate que vai máis aló do racional e da confrontación de argumentos. "Lexislar neste momento ten un valor simbólico e pedagóxico fundamental",  recoñece Carme Adán. Segundo explica, a lei trans está en condicións de asumir un rol transformador como o que tiveron no seu día as leis de igualdade ou de violencia contra as mulleres. "O debate do trans a través dunha lei é moi simbólico, porque mostra que se alguén está reclamando un dereito é porque está privado del".

A discusión da norma fixo aflorar a transfobia

Para elixir a súa identidade de xénero a sociedade impón a patoloxización das persoas trans, sinala, e "iso é o máis importe da lei, que permita eliminar esa obriga". Pero ademais de actuar no campo do dereito, Carme Adán reivindica traballar en todos os aspectos da diversidade de xénero noutros ámbitos, nomeadamente, no educativo "e iso non significa borrar as nenas e as mulleres como se di moitas veces. Todo o contrario. Trátase de sumar, de ter máis elementos para unha sociedade máis libre, máis diversa e máis xusta".

A transfobia sae á luz

Adán chama a escoitar e recoñecer outras identidades de xénero, a rachar cos tópicos nun momento en que a discusión da norma fixo aflorar a transfobia.

"Este enfrontamento arredor da lei non axuda cando a vida de moitas persoas urxe chegar a acordos. O dereito das persoas trans non pode esperar a que debatan os filósofos, a que os médicos se poñan de acordo e a que quen está no bar o entenda. Ten que consensuarse en letra de lei" e ten que ser anterior á comprensión social, aclara. "Xa faremos pedagoxía quen somos mestras. As leis teñen que recoñecer os dereitos dos suxeitos que os necesitan".