Emprégase a técnica en 26% dos nacementos

A idade media das nais na Galiza, un factor chave para optar pola cesárea

En 2018, 26% dos partos na Galiza foron por cesárea, unha cifra que o xefe do servizo de Xinecoloxía do hospital de Compostela liga á avanzada idade das mulleres no primeiro embarazo ou a uso, cada vez máis estendido, de técnicas de reprodución asistida.

Segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística (INE) publicados o 25 de decembro un 26% dos partos na Galiza foron por cesárea. Profesionais da saúde teñen recollido nun documento auspiciado pola Organización Mundial da Saúde (OMS) que a porcentaxe ideal debe situarse entre 10% e 15%. O xefe do servizo de Xinecoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), Manuel Macía, matiza que esta cifra engloba a países de todo o mundo "con realidades moi diferentes".

"O incremento de cesáreas nos países occidentais obedece a múltiples causas", explica Macía a Sermos Galiza. Entre estas causas o doutor apunta a idade media das nais. Se ben fisioloxicamente o momento ideal para que unha muller teña a súa primeira crianza comeza arredor dos 20 anos e dura até os 30, o contexto socioeconómico foi afastando o primeiro embarazo deste rango de idade e, en 2018, a idade media das nais primeirizas ascendía a 31,5 anos. "Hai un aumento do risco, con patoloxías como a hipertensión ou a diabetes que nos poden levar a tomar unha actitude máis agresiva no parto", engade. A este factor súmase o aumento do uso de técnicas de reprodución asistida, "que aumentan as posibilidades de partos múltiples".

"Houbo unha lixeira redución de cesáreas nos últimos anos, a raíz dun plan elaborado polo Ministerio de Sanidade para unificar criterios, e o certo é que poderiamos descender un pouco no número de cesáreas, pero non até as cifras da OMS. A maiores, hai un elemento que non é insignificante, e é que por parte dalgunhas pacientes hai unha trivialización das cesáreas. As nais, cando se presenta unha dificultade, incluso antes de chegar ao paritorio, demandan unha cesárea. Para nós tamén é máis cómodo, desde logo, pero o certo é que non sempre é precisa", conclúe o xinecólogo.