Demografía

A idade media das galegas e galegos sobe a 47,48 anos

Cae o peso dos grupos de individuos de menos de 20 anos e de entre 20 e 64 anos (Foto: Arxina).


A idade media da poboación galega continúa á alza ano tras ano e na actualidade sitúase en 47,48 anos, segundo os datos que publica esta sexta feira o Instituto Galego de Estatística (IGE).

Continúa o envellecemento e a caída da natalidade na Galiza, onde, ademais, cae o peso dos grupos de individuos de menos de 20 anos e de entre 20 e 64 anos, e increméntase o de 65 e máis anos.

O índice de envellecemento, que calcula o número de persoas de 65 anos ou máis por cada 100 menores de 20 anos, sobe desde 1975 a un ritmo superior no caso das mulleres. Para o conxunto de Galiza, situouse en 2020 en 160,4, o cal significa que por cada 100 menores

O índice de sobreenvellecemento mostra como está estruturado o grupo de 65 ou máis anos ao calcular que porcentaxe representa a poboación de 85 ou máis anos sobre o grupo de 65 ou máis. En 2020, fixouse no 19,15%.

Natalidade

Por outra banda, Galiza continúa inmersa nun proceso de redución das taxas de natalidade e fecundidade. O índice sintético de fecundidade ou número medio de fillos por muller -que se obtén como a suma das taxas específicas de fecundidade das mulleres en idade fértil, de 15 a 49 anos- cifrouse en 2019 en 1,02 fillos por muller.

A idade media da maternidade -como media aritmética das idades ás que as mulleres teñen fillos, ponderada polas taxas específicas de fecundidade de cada grupo de idade- situouse en 2019 en 32,81 anos. A idade media á paternidade estivo por encima, en 35,44 anos.

O IGE destaca que a idade media da nai ao nacemento do primeiro fillo, que viña incrementándose ano tras ano desde 2008, nos últimos exercicios mostra "un certo estancamento".

Mortalidade 

En canto á taxa bruta de mortalidade, en 2019 tomou o valor de 11,57 defuncións por cada 1.000 habitantes. A esperanza de vida ao nacer alcanzou os 83,82 anos.

Por outra banda, a taxa bruta de nupcialidade sitúase en 3,45 matrimonios por cada 1.000 habitantes en 2019 e na Galiza producíronse ese ano 1,72 divorcios por cada 1.000 habitantes.