Iago Casabiell, contribuínte OpenStreetMaps: "Nesta plataforma podemos conservar os topónimos, que na Galiza son importantes"

Iago Casabell

Imaxinen un Google Maps en aberto e sen ningún tipo de interese comercial. Pensen en como poder difundir desde o seu teléfono móbil as súas zonas preferidas. Iso é OpenStreetMaps. Na Galiza hai anos que traballan de maneira voluntaria para engadir lugares, camiños, parroquias e todo aquilo que as persoas "contribuíntes" que se acheguen queiran compartir. Iso foi o que fixo Iago Casabiell que hai dez anos descubriu as súas potencialidades e desde hai tres coordínase a través de Telegram na súa comunidade galega.

Que é OpenStreetMaps?

É unha base de datos de uso libre que ten a información xeográfica de todo o mundo. Esa información pode empregarse para moitas cousas. A máis importante é o mapa libre. Na páxina web é onde temos o visualizador, que é o que utilizamos en primeiro lugar. Nós o que poñemos son os datos nun determinado lugar, como etiquetas. Logo represéntase todo en distintos mapas. 

De que maneira se participa?

Pode participar calquera, como na Wikipedia. Só hai que rexistrarse e desde ese momento podes editar o mapa como queiras. Todo o que se poña mal será revertido. Nós, desde a comunidade galega, sabemos que somos uns 50 editores activos agora mesmo, mais tamén hai outras persoas que participan pola súa conta na Galiza. 

Unha persoa pode contribuír de varias maneiras. Desde o traballo a pé de campo. Vas polo monte, polos camiños, pola cidade e rexistras de maneira directa todo o que ves. Son uns datos válidos. Outros serían aqueles datos dos que temos permiso de utilización, como pode ser o Instituto Xeográfico ou o catastro. Desde maio tamén temos o permiso do Instituto de Estudos do Territorio, co cal temos acceso a entidades de poboación, límites administrativos que inclúen parroquias, hidrografía, camiño de Santiago, espazos naturais protexidos ou mesmo a rede de transporte.

O sistema é doado. Podes telo como referencia na aplicación de edición e miras un mapa sobre outro e empregas esa información para sacar os datos que podes usar. As importacións grandes coordínanse por ter moitos datos e hai que explicar que proceso se vai a seguir e chegar a un acordo entre unha maioría.

Cales son as utilidades máis importantes desta plataforma?

Ten moitas utilidades en aplicacións semellantes a Google Maps mais de uso libre, sen pertencer a ningunha organización privada. Hai posibilidades infinitas. Pódese empregar para aplicacións médicas, aplicacións agrarias e todo o que poidas imaxinar.

A máis común é a dos mapas. Agora mesmo cos teléfonos móbiles, ter unha aplicación que che permita un mapa de navegación para saber onde están os comercios, que ruta é a máis curta. A diferencia de Google Maps, nós temos a posibilidade de ir con moito máis detalle, por exemplo en zonas de monte, sendeiros. Unha persoa co seu teléfono móbil, a través de GPS pode deixar o camiño na aplicación, só cunha observación directa. Invitamos todo o mundo a que participe.

Por exemplo nesta plataforma podemos conservar os topónimos, que na Galiza son importantes, non só das entidades de poboación, senón tamén nos lugares que agora mesmo non están habitados, como poden ser montes, campos, ríos,... recoller das persoas maiores, de mariñeiros ou os nomes dos lugares. O coñecemento do local é unha fonte válida de datos. A aplicación permite pór un lugar con varios nomes e dar prioridade a un.  O importante é recoller os datos. Canta máis información teñas, mellor será o mapa. 

Non houbo ningún problema en determinadas zonas?

Nas que por temas legais non se poida mapear e alguén as coloca na plataforma teríamos que retiralas. As instalacións militares, por exemplo, só temos permisos para pór o perímetro e o resto desaparecería dos campos da plataforma. Depende de cada país. É un proxecto global. Os permisos para as importacións conséguense falando coas institucións e debe ser expreso para uso público.