Humor viral para facer fronte ao coronavirus

Humor en tempos de coronavirus (Imaxe: @Orgullogalego)
O humor pode ser un bo remedio para afrontar o estrés ou a ansiedade. Os tempos de confinamento dispararon a imaxinación das galegas e galegos e Nós Diario peneira as redes na procura das ocorrencias máis virais destes días.

"Queda na casa carallo, que non fai falla saíre!", canta a música rianxeira Sabela Galbán Rodríguez, autora da muiñeira do coronavirus. "Estabamos ben sen vós, non sei se me explico ao xeito", cántalles aos "fodechinchos" que "de nós viñéronse a rire" e pasar o tempo do confinamento en terras galegas. A muiñeira de Galbán acumula xa máis de 30.000 reproducións en redes sociais.

"Declárome privilexiada por poder ter teito, por poder ficar na casa, na aldea, con instrumentos, libros, ordenador e horta, e solidarísome con todas as persoas que están nunha situasión máis complicada. A muiñeira é un minuto de brincadeira, mais o que digho, díghoo ben en serio", di ela en redes sociais, despois de que os medios se fixeran eco do seu éxito coronavírico.

 

Desde o Valadouro, Andrés de Vilas dedica un titorial ás urbanitas "que colapsan os supermercados e que deixan sen alimentos a quen lle fan falta". Este veciño da Mariña ensina nun vídeo como se pasa a corentena no rural, "na aldea, desa da que moitos da capital rides".

Vilas tira do rolo das brincadeiras xuridas a raíz das compras de papel hixiénico en abundancia, fonte de numerosos memes, GIF e máis vídeos, e declara: "A nós non nos fai falta, se nos dá a gana imos cagar ao souto, o 'bosque' como dicides vós!".

 

Tanto o papel hixiénico como os "fodechinchos" son os claros protagonistas do humor partillado nestes días a través das redes sociais. Velaquí máis exemplos: