Hotel para insectos en Sálvora

Imaxe: Xunta

Medio Ambiente promove na illa o primeiro hotel de insectos do Parque Nacional coa fin “de preservar os seus ecosistemas”. A intención é estender este proxecto ao resto do parque, de tal forma que cada arquipélago poida contar a medio prazo cunha instalación deste tipo

O Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas xa conta co seu primeiro hotel de insectos, unha iniciativa de sensibilización ambiental que pretende facilitar un habitáculo e lugar de cría e hibernación para este tipo de organismos.

O hotel foi inaugurado pola conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, quen explicou que a intención é estender este proxecto ao resto do parque, de tal forma que cada arquipélago poida contar a medio prazo cunha instalación deste tipo.

A iniciativa foi promovida polo Parque Nacional das Illas Atlánticas en colaboración coa asociación Amicos, unha entidade de referencia na comarca do Barbanza polo seu traballo a prol da integración das persoas con discapacidade e que foi a encargada de construír catro hoteis de insectos.

En canto ás estruturas, están feitas a partir de materiais naturais propios da illa (como piñas ou restos de madeira), tixolos furados, así como refugallos e anacos de antigas tellas que os voluntarios de Amicos reciclaron para darlles unha nova utilidade.

A instalación deste tipo de hotel servirá para darlle acubillo aos insectos presentes en Sálvora, como as abellas silvestres, as avespas escavadoras, as cadelas de frade (dermápteros), entre outros.