Hostaleiros de Ferrol cuestionan a legalidade das novas restricións ao sector

Comensais desfrutan na terraza dun restaurante de Ferrol. Foto: Mero barral / Europa Press

Denuncian que as medidas só se aplican á hostalaría e esixen que "se deixe de criminalizar ao sector".

Hostaleiros de Ferrol, agrupados na plataforma Hostaleiros e Autónomos de Ferrolterra -HAF-, expresaron esta mañá as súas "dúbidas" sobre a "legalidade" dalgúns dos requisitos que estableceu a Xunta de Galiza para o sector na cidade, após entrar no nivel alto de restricións xunto aos concellos das Pontes, Ortigueira e Cariño na comarca de Ferrolterra. 

 

"A intromisión en información de carácter tan persoal como os datos sanitarios dunha persona ou a potestade dun hostaleiro para verificalos e comprobar a identidade ou veracidade dos mesmos", advertiron, "non pode nin debería ser unha obriga da hostalaría e a restauración nocturnas"

 

"Dubidamos se somos nós quen os podemos aplicar", engadiron, en referencia sobre todo á obrigatoriedade de pedir un certificado de vacinación ou equivalente aos clientes que queiran acceder ao interior dos establecementos. "A intromisión en información de carácter tan persoal como os datos sanitarios dunha persona ou a potestade dun hostaleiro para verificalos e comprobar a identidade ou veracidade dos mesmos", advertiron, "non pode nin debería ser unha obriga da hostalaría e a restauración nocturnas".

O colectivo Hostaleiros e Autónomos de Ferrolterra denuncia que as medidas que entraron este sábado en vigor supoñen "un novo prexuízo para o sector" e cre que mesmo "poden ter un efecto contrario ao esperado, provocando que o lecer leve a espazos non seguros e aumentando a interacción social en ámbitos onde non se contempla ningún tipo de medidas hixiénico-sanitarias".

Ademais, HAF considera que as restricións volven pór no foco e a criminalizar "ao mesmo sector, cousa que non se fai noutras actividades con igual ou maior exposición" e lembra que a acumulación de normas que afectan só á hostalaría "fai practicamente inviábelo correcto funcionamento dos establecementos".

Os hostaleiros agrupados ao redor de HAF apuntaron que no momento actual, con máis do 70% da poboación galega vacinada e cunha presión hospitalaria "que se mantén estábel", "non ten sentido restrinxir aínda máis os espazos onde si se cumpren as pautas hixiénico-sanitarias" e, por iso, apostan por "todo o contrario, é dicir, "ir levantando as restricións que permitan unha volta paulatina á normalidade".