Os hostaleiros de Ferrol aseguran que xa hai xente do sector que “pasa fame”

Un momento da concentración de hoxe na praza de Armas. (Foto: Europa Press)

O fechamento dos estabelecementos unha segunda vez, neste caso nas zonas confinadas perimetralmente, complica moito a supervivencia dos negocios.

A hostalaría e o comercio de Ferrol saíron esta quinta feira á rúa seguindo as protestas que se están a suceder por toda a xeografía galega pola situación límite na que están os negocios debido ás medidas derivadas da pandemia e á baixada do consumo pola inestabilidade laboral. Neste contexto de manifestación na praza de Armas, o presidente da hostalaría de toda a comarca advertiu de que a situación non é unha broma pois xa hai “xente que pasa fame”.

Malia que nesta última volta de medidas restritivas a Xunta optou por obrigar ao fechamento dos bares e restaurantes -que xa estiveron nesta situación no confinamento de marzo e reabriron con algunhas limitacións-, o sector avisa de que non poderá aguantar moito máis.

Nas rúas de Ferrol, pero tamén nas de moitas outras cidades, empezan a aparecer locais abandonados por negocios que afundiron ante os fechamentos e a caída total da caixa.

Ante estas novas semanas de parada da actividade, o presidente dos Empresarios de Hostalaría de Ferrol e Comarcas, Emilio Vázquez, advirte de que “xa se está a ver que hai fame en moitas familias que dependen dos estabelecementos de hostalaría”.

As distintas entidades representativas falaban de situacións moi límite, pero foi hoxe cando Vázquez puxo esta situación enriba da mesa do debate. Ao falar desa necesidade, aludiu tanto ás e aos propietarios como ao cadro de persoal.

Coa voz duns 800 negocios de toda Ferrolterra, Eume e Ortegal, o responsábel incidiu en que o problema é “moi serio” tanto na zona como no resto da Galiza. Sobre todo porque mesmo hai xente que continúa con “atrasos á hora de cobrar os ERTE”.

Unha crise que vén de lonxe

“Ferrol xa ven dunha crise constante á que se uniu esta pandemia”, reflexionou nunha praza na que se xuntaron (con distancia de seguridade) unhas 200 persoas.

“Vemos como se vai apagando, imos perdendo poboación, sen recuperar actividade e vai motivar que moitos negocios xa non van volver abrir”, resumiu, solicitando algún tipo de apoio das administracións públicas.

O comercio tampouco está moi animado, nin tan sequera pola futura campaña de nadal, pois dubida de que se alcancen cifras que salven os resultados das empresas.