A Xunta activa a vacinación sen cita previa este sábado para a administración de primeiras doses

Punto de vacinacion masiva na Cidade da Cultura (Foto: Xunta da Galiza).
Sanidade abrirá os sete centros de vacinación masiva este sábado e varios puntos eventuais nos sete campus universitarios os días 13 e 14 de setembro para facilitar a cobertura daquelas persoas pendentes de completar a súa pauta contra o coronavirus.

"É o momento de adaptar as medidas", remarcou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, que esta cuarta feira anunciou as medidas que rexerán na Galiza dada a "boa situación epidemiolóxica".

Mais sen dala por resolta. "A pandemia segue", advertiu, e a variante Delta representa 99% dos casos sen descartar a posibilidade doutras novas se a transmisión do virus avanza a nivel global.

"Tranquilidade"

O xefe do Executivo galego puxo o acento na vacinación e na situación de "tranquilidade" que vive agora mesmo Galiza nun contexto de pandemia.

Con 85,8% da poboación diana coa pauta completa, cun 75% de contaxios rastrexados desde a súa orixe e unha incidencia que segue a diminuír.

Segundo salientou, un total de 125 municipios non rexistraron casos nos ultimos 57 días, o que favoreceu un descenso máis acelerado da incidencia acumulada a 60 e 173 casos por 100.000 habitantes a sete e 14 días respectivamente, por baixo da media estatal.

Cambios na vacinación

Nuñez Feixoo destacou a evolución dos datos para reforzar a idea de "estabilidade" e dar por superado o pico da quinta vaga. Un momento que chama a remudar algunhas medidas para outorgarlles un carácter máis estábel.

Así, avanzou o novo protocolo para a hostalaría que entrá en vigor o 15 de setembro e anunciou cambios no proceso de vacinación.

Comeza a administración de doses sen cita previa. O sábado abrirán por primeira vez os centros de vacinación masiva das sete cidades galega para darlle cobertura a quen está pendente de se inocular contra a Covid. Calquera galego ou galega que o desexe, poderá acudir sen cita previa, e recibir a a primeira dose.

Na mesma liña, a vindeira segunda e terza feira, 13 e 14 de setembro, Sanidade habilitará puntos de vacinación nos sete campus para que calquera persoas do ámbito da universidade galega poidan levar unha picada contra o coronavirus.

Doutra banda, confirmou Feixoo, a Xunta mantén o 19 de setembro como data prevista para ter vacinada toda a poboación maior de 12 anos, co obxectivo de abrir as aulas de secundaria coa maior porcentaxe de alumnado coa pauta completa.

Cambios no mapa de concellos

Galiza ficará desde esta fin de semana sen concellos en nivel máximo de restricións pola Covid. Tras a reunión semanal do Comité Clínico, o Goberno galego acordou situar Melide, Monforte, Curtis, A Pobra de Trives e Viana do Bolo no nivel alto.

A partir deste sábado quedarán no nivel medio Muros, Santa Comba, Agolada, Arzúa, O Pino, Ordes, Lugo, Taboada, Antas de Ulla, Castro de Rei, Monterroso, Palas de Rei, Sarria, Arteixo, Muxía e Nigrán.

Todos os municipios restantes situaranse no nivel baixo.

As cifras da Covid

Os indicadores da evolución da pandemia na Galiza reflicten a mellora da situación epidemiolóxica. O alivio advírtese tanto na presión hospitalaria como no número de novos contaxios.

Nos hospitais galegos hai 21 pacientes menos ingresados con Covid. Con todo, a ocupación das unidades de coidados intensivos advirte dunha suba lixeira que convida a seguir estremando as precaucións.

Así, Sanidade informa de 120 pacientes hospitalizados en planta, 24 menos que un día antes, e 49 en áreas de críticos, tres máis. Destes, 15 corresponden á da Coruña, oito á de Ourense, sete á de Vigo, outros tantos á de Ferrol, catro á de Pontevedra, catro en Lugo e outros tantos á de Santiago.

Os novos positivos sitúanse en 150, fronte aos máis de 300 de hai unha semana ou o millar de hai un mes. Por áreas sanitarias, as novas infeccións descenden en todas, excepto nas de Vigo, Lugo e Pontevedra, que rexistran lixeiros incrementos. Así, do total, Vigo sumou 42 novos contaxios Santiago, 28; Lugo, 26; A Coruña, 16; Ourense, 16; Pontevedra,13, e Ferrol, tres.

Galiza roza os 5.000 casos activos por coronavirus. Hai 5.177 persoas coa infección por coronavirus lonxe xa das case 8.000 de principios de mes ou das 19.435 que chegou a marcar o pico da pandemia.

Desde o inicio da pandemia faleceron con Covid 2.592 persoas con Covid tras notificar Sanidade a morte de dous homes, un de 65 anos, no Chuac da Coruña, e outro, de 79, na residencia de maiores de  As Gándaras de Lugo.