A hostalaría da Galiza queda sen restricións este sábado ao retirar a Xunta a limitación de comensais

Unha terraza de Vigo en xuño de 2021. (Foto: Marta Vázquez / Europa Press)
A Galiza mantén unicamente a exixencia do certificado de vacinación, recuperación ou proba diagnóstica negativa para visitar os pacientes ingresados en centros hospitalarios e sociosanitarios residenciais de maiores e de persoas con diversidade funcional.

A hostalaría da Galiza quedará sen restricións pola pandemia da Covid-19, alén do uso obrigatorio de máscara en interiores cando no se consume, ao decaer este sábado a limitación de comensais por mesa.

Así o confirmou a Consellaría de Sanidade, en relación á prórroga en vigor até as 00.00 horas do 9 de abril da limitación de 10 comensais por mesa en interior e de 20 en exterior, que decae este sábado.

Por tanto, á marxe da medida común en todo o Estado do uso de máscara en interiores, que previsibelmente se eliminará o día 20, con algunhas excepcións -como hospitais e residencias-, a Galiza mantén unicamente até as 00.00 do 23 de abril a exixencia do certificado de vacinación, recuperación ou proba diagnóstica negativa para visitar os pacientes ingresados en centros hospitalarios e sociosanitarios residenciais de maiores e de persoas con diversidade funcional. Segundo a orde publicada este 8 de abril no Diario Oficial de Galiza (DOG) pola Consellaría de Sanidade, mantense esta medida "atendendo á evolución da situación epidemiolóxica".

 

 

Sanidade concreta que "en cumprimento dos principios de necesidade e de proporcionalidade, as medidas previstas nesta orde serán obxecto de seguimento e avaliación continua a fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria". "A consecuencia de este seguimento e avaliación, as medidas poderán ser prorrogadas, modificadas ou levantadas mediante orde da persoa titular da consellaría competente en materia de sanidade", engade.

 

Evolución

Segundo o informe da Dirección Xeral de Saúde Pública, de 5 de abril de 2022 referido no DOG, na actualidade a situación epidemiolóxica, coa estratexia de vixilancia e control fronte á Covid-19 tras a fase aguda da pandemia vixente desde o 28 de marzo de 2022 centrado en persoas vulnerábeis (de 60 ou máis anos, inmunodeprimidas, embarazadas) ou relacionadas con ámbitos vulnerábeis (centros sanitarios asistenciais, centros sociosanitarios, centros de día, etc.) e as que precisan ingreso hospitalario, a 30 de marzo as taxas de incidencia a 7 e a 14 días en persoas de 60 ou máis anos
"continúan a ser elevadas, con valores de 349,95 e 846,74 casos por 100.000 habitantes, respectivamente".

A porcentaxe de positividade das probas diagnósticas realizadas en persoas de 60 ou máis anos entre o 22 e o 28 de marzo foi do 19,8%, valor que supera o 3% estabelecido na Galiza como nivel deste indicador de seguimento, indica Sanidade. Do 26 ao 30 de marzo notificáronse un total de 2.147 casos novos de Covid-19 en persoas de 60 ou máis anos.

 

 

"Canto á situación da capacidade asistencial, a taxa de ocupación de pacientes con Covid-19 por 100.000 habitantes é de 14,91, valor superior ao observado hai sete días, en que era de 13,44 ingresos por 100.000 habitantes", indica. Nas unidades de coidados críticos (UCI) tamén se observa un aumento, pasando de 0,52 ingresos por 100.000 habitantes o 22 de marzo a 0,70 ingresos por 100.000 habitantes o día 30 do mesmo mes, engade.

Nos últimos sete días, a taxa de novos ingresos por 100.000 habitantes foi de 13,28 e de 0,52 ingresos por 100.000 habitantes na UCI. Obsérvase tamén un aumento na porcentaxe de camas ocupadas por pacientes con Covid-19, pasando do 4,3% na semana previa ao 4,7% na data de publicación do informe do Ministerio de Sanidade.

A porcentaxe de ocupación de camas na UCI por este tipo de pacientes tamén presenta un aumento, ao pasar de 1,88% ao 2,55% no mesmo período. Segundo a última actualización do Ministerio de Sanidade, o número de persoas hospitalizadas na Galicia ascende a 402 e na UCI a 19.

"Como resumo, as taxas de incidencia a 7 e a 14 días nas persoas de 60 ou máis anos, grupo de poboación considerado vulnerábel, continúan mostrando uns valores elevados e, segundo a valoración do risco da Estratexia de vixilancia e control fronte á Covid-19, tras a fase aguda da pandemia, do Ministerio de Sanidade, actualizada o 23 de marzo de 2022, situaríanse en risco medio", expón.

Por outra parte, os indicadores do nivel de uso dos servizos sanitarios pola Covid-19 "presentan un empeoramento con respecto á semana anterior á publicación do informe da Consellaría", indica Sanidade, "e, aínda que a maioría están dentro dos límites que definen risco baixo, só dous indicadores (porcentaxe de ocupación de camas en UCI por casos de Covid-19 e índice de ingreso en UCI por cada 100.000 habitantes) están ao nivel de circulación controlada definido polo Ministerio na citada estratexia anteriormente".

“Por iso, a pesar de que a nova estratexia de vixilancia e control do Covid-19 implica aceptar un certo nivel de transmisión do SARS-CoV-2 en poboacións vacinadas e novas, nas que a infección ten un menor impacto poboacional en canto a gravidade, cómpre seguir dirixindo as actuacións cara á protección das persoas e zonas de maior vulnerabilidade e a ampliación da obriga de exhibir o certificado Covid para o acceso ao interior dos centros hospitalarios, hoteis de pacientes e centros sociosanitarios, xa que constitúe unha medida de seguridade adicional que reducirá o risco de transmisión nestas contornas", xustifica.

Dada a situación actual, coas taxas de incidencia actuais aos 7 e 14 días, cunha elevada porcentaxe de positividade nas probas diagnósticas realizadas e cunha clara prevalencia da variante Omicron, que presenta unha transmisibilidade superior á da variante Delta, para Sanidade, "xustifícase a necesidade de manter as medidas adoptadas para facer fronte a esta situación".