A hostalaría critica que a Xunta agarde para fixar a capacidade dos locais no 100%

Persoas tomando algo en terrazas da hostalaría na Coruña nunha imaxe de arquivo. (Foto: Arxina / Europa Press)
O presidente da Federación de Hostaleiros cuestiona que non se contara co sector para aumentar ao 90% a capacidade dos estabelecementos, e reclama que xa é tempo de que volvan operar coa capacidade máxima.

“Congratulámonos porque todo o que sexa abrir espazos e capacidades é importante”, sinalou onte o presidente da Federación de Hostaleiros da Galiza, Cheché Real, tras a decisión da Xunta esta terza feira de fixar no 90% a capacidade na hostalaría a partir do vindeiro sábado.

Porén, o tamén presidente da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalaría e Turismo de Lugo defendeu que ao Goberno “lle faltou afouteza para abrir ao 100%, que é o que levamos perseguindo desde hai un mes e é o que nos permiten as nosas licencias”.

Peores condicións que outros territorios

Real recoñece o “esforzo da Xunta”, pero advertiu que van loitar por “non ser menos” que outros territorios coma Castela e León, Castela A Mancha, País Valencià ou a Comunidade de Madrid, onde a pesar de ter nalgúns casos “datos sanitarios peores” poden desenvolver a actividade “desde hai unha semana” coa capacidade completa.

“Nesas autonomías son extraterrestres, ou están gobernados por extraterrestres?”, inquiriu, pouco antes de predicir “que en 10 ou 15 días esa apertura total vai ser efectiva”.

Se este é o plan do Executivo “que o fagan xa”, apuntou, lanzando un chamamento a evitar que os locais “deixen de ingresar centos de miles de euros” por non permitir que “traballen con toda a súa capacidade”, facendo fincapé en que é difícil de entender “nunha situación económica como a actual”.

Responsabilidade da hostalaría e turismo

“Non comprendemos por que unha vez máis cargan contra o sector da hostalaría e o turismo”, proseguiu Real, que reiterou que non entenden como “isto é unha nova apertura mais seguen con restricións”.

"Agora era o momento"

Con todo, “agora era o momento para permitir a apertura ao 100%”, abunda, remitindo ás licencias de actividade que teñen concedidas os estabelecementos, e “non darnos as cousas a culleradas, como se fósemos crianzas”.

Ao tempo, o representante da patronal criticou que “non se convocara unha reunión co sector como se viña facendo desde hai un ano” para “consensuar as medidas”, o que lle foi comunicado cunha chamada persoal.

De telos convocado, asegura, “teriámoslles dito o mesmo, apertura ao 100% en base á situación epidemiolóxica”, sentenciou Real.

O presidente da Xunta da Galiza, Alberto Núñez Feixoo, avanzou esta terza feira que aínda "faltan uns días" para que a capacidade na hostalaría chegue ao 100%.