Opinión

Apostando firme pola recuperación

Tras perder case un 11% do Produto Interior Bruto (PIB) durante 2020, os datos indican que España está iniciando a senda da recuperación económica. Todas as previsións sinalan que o PIB crecerá este ano entorno ao 6% e algúns organismos como o Fondo Monetario Internacional ou a OCDE sitúan o noso país como un dos que terá un maior crecemento en 2022. 

Mais todas estas previsións dependerán de como sexamos capaces de enfrontar esta recta final de 2021, do avance do proceso de vacinación e da resposta dos fogares, xa que a maior parte da recuperación está baseada na marcha do consumo, e das propias empresas dependentes da evolución das limitacións e restricións. 

Por ese motivo é extremadamente relevante que as administracións públicas centremos os nosos esforzos en impulsar esa recuperación, dende o Concello da Coruña tivémolo claro e por iso puxemos en marcha un novo Plan de recuperación económica e social, Presco 2021, para axudar os autónomos, pequenas empresas e familias, impulsar o consumo, o crecemento económico e o mantemento do emprego. 

Os pequenos comerciantes, hostaleiros, taxistas, axencias de viaxe, propietarios de aloxamentos turísticos, salóns de peiteado ou artistas, entre outros sectores, poden solicitar axudas directas de 2.000 euros para o pago de cotas da seguridade social, autónomos ou aluguer, de 2.500 euros se contrataron persoal neste ano e de 3.000 euros no caso do desenvolvemento de proxectos artísticos. En só 5 días recibimos 1.018 solicitudes por un importe de máis de 2.543.000 euros.

E sabendo que a recuperación da nosa economía neste ano está baseada en gran medida na evolución do consumo, a partir do 15 de setembro poremos a disposición das familias 135 euros por persoa para mercar no comercio local e incentivar deste modo o gasto nos sectores máis castigados pola crise: comercio, hostalería, sector cultural, taxi e salóns de peiteado e estética. En total destinaremos preto dun millón de euros que estamos seguros de que conseguirán impulsar as vendas como ocorreu o ano pasado. 

Un plan de recuperación económica que non desenvolveu nesta dimensión ningún concello de Galicia e que se complementa co noso propio esforzo inversor: entre xaneiro e xuño deste ano o Concello da Coruña foi o primeiro concello en Galicia en licitación de obra pública, licitando en seis meses 20,7 millóns de euros e coa consolidación e xeración de emprego público, convocando só neste ano 53 novas prazas no Concello. 

Cos limitados recursos dos que dispoñemos con respecto a outras institucións, dende A Coruña estamos demostrando que as administracións locais poden e deben xogar un papel relevante na dinamización económica. 

Comentarios