Hospitalizado un empresario de Santa Comba tras ser tiroteado no Brasil

Panorámica da cidade brasileira de Rio de Janeiro. (Foto: Nós Diario)
Recibiu un balazo no ombreiro e "dentro do que podía ser, non é grave", afirma a alcaldesa deste municipio galego.

Un empresario orixinario de Santa Comba (comarca do Xallas), que responde ás iniciais J.L.V., recupérase nestes momentos nun centro hospitalario das feridas sufridas após ser tiroteado a pasada sexta feira, cando volvía do seu posto de traballo cara á súa casa en Rio de Janeiro (Brasil). O home leva afincado máis de dúas décadas nesta cidade.

A alcaldesa de Santa Comba, María José Pose, trasladou en declaracións á axencia Europa Press que ela mesma falou esta terza feira co empresario, que recibiu un balazo nun ombreiro, para coñecer o seu estado, "que dentro do que podía ser, non é grave".

O seu vehículo recibiu dez disparos, dos que só un impactou nas súas costas. A rexedora salientou que xa se está levando a cabo unha investigación para determinar se os asaltantes "querían asustalo ou algo máis".

Pose destacou que J.V.L. está "estábel e coa súa familia" e lamentou que estes episodios de violencia "volvan repetirse de cando en vez", en alusión a outro episodio sufrido hai 20 anos, cando un mozo desta mesma localidade foi asasinado tamén en Rio de Janeiro.