As hospitalizacións en UCI rozan xa o medio cento

Un traslado dunha paciente con Covid-19 ao Hospital de Lugo (Imaxe: Europa Press).
A cifra total de persoas hospitalizadas na Galiza pola Covid-19 ascende a 420, das que 49 permanecen en unidades de coidados intensivos

As persoas con COVID-19 ingresadas en hospitais da Galiza experimentaron nas últimas 24 horas outro repunte, con 11 hospitalizacións máis, co que a cifra alcanza os 420. Delas, 49 están en UCI ─tres máis que un día atrás─ e 371 noutras unidades de hospitalización ─oito máis─.

Así se desprende na información actualizada na web da Consellería de Sanidade na mañá deste domingo, con datos recollidos até as 18,00 horas do sábado. Segundo estes, a área sanitaria con maior número de ingresados é a de Ourense-Verín-O Barco que, con todo, continúa a súa tendencia á baixa. En concreto, ten 103 pacientes COVID ingresados ─catro menos─, dos que 13 están en UCI ─uno máis─.

Pola contra, a área que experimenta un maior repunte é a de Santiago e Barbanza, até 80 ─seis máis que hai 24 horas─, das que nove permanecen na UCI. Pola súa banda, na área de Ferrol as persoas hospitalizadas con COVID-19 subiron até os 33, cinco máis que as comunicadas este sábado. Delas, hai catro ─un máis─ en coidados intensivos.

Na área sanitaria de Vigo, subiron en dúas, até as 59, as pacientes con coronavirus ingresadas, das que se manteñen en UCI sete; mentres que na Coruña son un total de 70 ─unha máis─, das que outras sete están en unidades de críticos.

Tamén ascenderon as hospitalizacións na área de Lugo-A Mariña-Monforte, até as 27 ─tres máis─. Destas, dúas atópanse en UCI ─unha máis que as comunicadas o sábado--.

Pola contra, a única área sanitaria que anotou un descenso nos ingresados con COVID-19 é a de Pontevedra-O Salnés, que conta con 48 ─dous menos--, sete deles en coidados intensivos.