O hospital de Verín seguirá sen pediatras

A veciñanza de Verín manifestouse en decembro ante o Parlamento de Galiza (Irene Pin).
A reapertura da sala de partos de Verín segue no aire ao quedar deserta a convocatoria aberta para cubrir dúas prazas temporais de pediatría. O fracaso deste chamamento volve poñer de manifesto a precariedade dos contratos ofertados polo Sergas.

O prazo para cubrir dúas prazas interinas de pediatría no hospital de Verín pechou sen que a xerencia da área sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras recibise ningunha candidatura. O proceso volveu quedar deserto por segunda vez, após non se rexistrar ningunha solicitude o pasado mes de xuño, durante a primeira convocatoria.

O Goberno da Xunta fiara a reapertura do paridoiro comarcal clausurado en decembro á ocupación destas dúas prazas."No momento en que haxa pediatras e os profesionais do servizo dean o visto bo, a sala de partos abrirá en 24 horas", dixo Alberto Núñez Feixoo ás portas dunha nova convocatoria temporal.

O anuncio non chegou a paralizar as protestas da veciñanza nin do persoal sanitario, que mantén un peche indefinido á espera dunha solución que garanta a continuidade de todos os servizos comarcais. Desde o Sergas aínda non desbotan cubrir algunha das prazas ofertadas, á espera de confirmar se algunha candidata remitiu o seu interese a última hora por correo postal.

A información íntegra pode consultarse na edición en papel de Nós Diario ou na súa lectura na nube.