O hospital público de Conxo non recibiu ferid@s do accidente de Angrois, malia que houbo translados á privada

Traballador@s do CHUS denuncian a falta de coordinación e de medios no hospital clínico, namentres o de Conxo mantivo pechados 4 dos 8 quirófanos e varias plantas como traumatoloxía, cirurxía ou medicina interna. É o máis próximo ao lugar do sinistro e alí presentáronse profesionais cualificados para atender @s ferid@s. Non chegaron. O Sergas preferiu derival@s a un centro privado


"Viñemos traballar todos. Convocáronnos por se había algún ingreso, que sería o normal. Mais aquí todo ficou pechado". Quen fala é unha traballadora do hospital de Conxo, en Compostela. Sería "normal", como di, que fosen transladadas alí as persoas feridas porque é o centro hospitalario máis próximo ao lugar do sinistro.

Malia non dispor de servizo de urxencias, o cadro de persoal sostén que ten "capacidade humana e tamén de medios" suficiente para atender unha catástrofe desta magnitude. "Foi reformado hai pouco tempo e está equipado cos mellores materiais, os quirófanos son de alta tecnoloxía", continúa explicando a traballadora, que di sentir "vergoña" da actuación seguida polo Sergas, que preferiu derivar as vítimas á Rosaleda, un policlínico privado.

A CUT exixe responsabilidades políticas: "a desvergoña deste goberno chega ao punto de seguir a facer negocio en circunstancias altamente tráxicas"

Así as cousas, os quirófanos "de alta tecnoloxía" ficaron pechados: dos oitos que ten o hospital estaban a funcionar a metade para atender con normalidade @s pacientes. Para alén disto, outros cinco están pechados desde o 15 de xuño até o 15 de setembro polos recortes. Denuncia a traballadora, en conversa con Sermos Galiza, que foi a xerencia do hospital quen non quixo abrir as unidades pechadas nin montar dispositivo ningún no centro. O único que lles transladaron, xa o día 25, foron corpos sen vida para lles practicaren a autopsia.

"Impotencia, unha impotencia terríbel, e moita vergoña. O que máis nos doía era ver os políticos pola televisión, botándose flores e dicindo que os centros sanitarios estaban a funcionar a pleno rendemento para ocultar as consecuencias dos recortes. Nós sabiamos que non era así". Emocionada, a sanitaria asegura que "non hai palabras para describir a raiba que sentimos".

A situación denunciárona a través da CUT, quen emitiu un comunicado exixindo responsabilidades políticas polo acontecido en Conxo: "a desvergoña deste goberno chega ao punto de seguir a facer negocio en circunstancias altamente tráxicas".

E no hospital clínico de Compostela, que aconteceu?

Enfermeira no hospital do Barbanza, Alicia Ares pertence á área sanitaria de Compostela. Pola televisión soubo do acontecido na curva da Grandeira e que nos hospitais reclamaban persoal sanitario. Presentouse no hospital clínico universitario e o que atopou foi "a 20 residentes de primeiro ano atendendo a feridos politraumatizados e críticos. Se fosen de quinto ano aínda... mais de primeiro? Non poden facer nada con casos así. É un escándalo para aforrar en persoal cualificado".

Ares quéixase de que, na capital dun País que celebraba o seu Día grande e onde había máis de 400 antidisturbios e 4 helicópteros desprazados, o protocolo de emerxencia "se fixo con xente voluntaria e non con profesionais". Denuncia o "caos" que se respiraba "por todos os lados" e informa de que @s sanitari@s que se presentaron foron "rebotando" dun lugar a outro porque "non había camillas, non había boxes, non había os equipos necesarios para poder atender esas persoas".

No Clínico de Compostela "tiñan 20 residentes de primeiro ano atendendo a feridos politraumatizados e críticos". O protocolo de emerxencias non se fixo con profesionais, senón con voluntarios"

"Vías batas, batas, batas por todas as partes", enfatiza. O persoal médico estaba de máis perante a evidente carencia de recursos para poder facer algo polas vidas das vítimas feridas que foron derivadas a este centro hospitalario. A Alicia Ares pedíronlle que fora ao centro de transfusións quitar sangue. "Había unha ringleira de 500 persoas agardando mais dixéronme que non había instrumental para mover o sangue, que non coagule... non podemos pinchar cos dedos!".

E namentres isto acontecía no Clínico, "en Conxo ficaban pechadas as unidades e os feridos atendíanos na privada", en referencia á Rosaleda. Tamén se derivaron persoas a hospitais de Pontevedra e da Coruña. Tampouco gostou da imaxe do presidente da Xunta gabando a labor dos profesionais da saúde: "nós facemos este traballo os 365 días do ano, o que nos cómpren son medios, que non se pechen camas, que se substitúan as vacacións".

Preguntámoslle polo que acontece un día normal no hospital do Barbanza: "pois mira, traballei o 24 de de Xullo pola mañá e para coller unha vía, en condicións normais, sen urxencia, tiven que andar a buscar o instrumental polo hospital adiante. Es quen de imaxinar que acontecería perante unha catástrofe?"